PP rexeita as emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta para Santiago co silencio cómplice" de Currás
É inexplicábel que o alcalde, unha vez máis, volva empregar criterios partidistas antes da defensa dos intereses colectivos dos veciños e das veciñas
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi realizou un repaso das emendas rexistradas polo BNG aos Orzamentos da Xunta que contemplaban 13,2 millóns de euros máis para Santiago.
A maioría absoluta do PP, incluído o voto de deputadas e deputados de Santiago de Compostela a empezar por Paula Prado, irá en contra dos intereses de Santiago, indicou Rubén Cela, ao non aprobar as emendas introducidas polo BNG. Así, explicou que o PP vai votar contra os máis desfavorecidos e damnificados desta crise e de moitos dos compromisos adquiridos con esta cidade, co silencio cómplice de Currás.
Advertiu que terá que ser o alcalde quen lle explique á veciñanza do Castiñeiriño que non é prioritaria a creación dunha escola infantil pública no barrio, que non vai cumprir a palabra de iniciar as obras da Escola Oficial de Idiomas, que tampouco fai falta o centro de saúde de Conxo e que non é prioritario o inicio das obras da variante de Aradas para o empresariado do polígono do Tambre. Seguiu citando exemplos como a ausencia de Orzamento da Xunta para a creación de vivenda de protección pública, ou que non se amplíe a contía ínfima destinada a rehabilitación, a ampliación e supresión de barreiras arquitectónicas nos CEIP de Roxos e de Monte dos Postes e a planificación de rutas aeroportuarias tan necesaria para o sector turístico.
Terá que explicar Currás por qué é cómplice de incumprimentos que degradan tanto a condición de Santiago, como capital de Galiza e en calidade de patrimonio da humanidade ao votar en contra dunha emenda para a ampliación destas partidas, sinalou. É inexplicábel que o alcalde, unha vez máis, volva empregar criterios partidistas antes da defensa dos intereses colectivos dos veciños e das veciñas, engadiu Rubén Cela.
O Consorcio recibe menos da Xunta que do Concello
Con respecto ao Consorcio, indicou que nas achegas previstas para o período 2010-2013 ao Estado lle correspondían 20.893.967 euros, á Xunta 11.927.293 euros e ao Concello 4.378.642 euros, mais a realidade foi que este organismo deixou de percibir 2.555.957 do Estado e 7.485.674 da Xunta, segundo o acordado.
Deste xeito, segundo manifestou, a Xunta de Galiza só achega para a anualidade de 2014, 1.257.034 euros e por primeira vez na historia a administración galega dá menos que o Concello de Santiago. Alertou, así mesmo, de que o 13% da contribución da Xunta é transferencia corrente e se o Concello e o Estado aplicasen unha redución semellante, o Consorcio pecharía mañá.
O BNG demandaba na emenda que rexeitou o PP no Parlamento un incremento de 2,9 millóns de euros para o Consorcio de Santiago.