O BNG require información sobre o proxecto previsto para o centro cívico do Romaño Vista Alegre
Interésase sobre o anuncio para acoller este suposto centro de día e o seu modelo de xestión, tendo en conta que se trata dunha diverxencia do seu uso sobre o proxecto de obra inicial
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2013.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno local para coñecer se o centro cívico no Romaño-Vista Alegre está deseñado para albergar un centro de día, tal como anunciou a concelleira María Pardo. O BNG requiriu información, así mesmo, sobre o modelo de xestión deste centro e se esta vai depender do Concello de Santiago.
O Boletín Oficial da Provincia publicou en novembro a apertura do procedemento aberto de contratación das obras do centro cívico no Romaño-Vista Alegre. Porén, a concelleira María Pardo sinalou que este centro, ademais de contribuír á dinamización sociocultural desta parte da cidade e a fortalecer o seu tecido asociativo como estaba previsto, prestaría ademais servizos de benestar social e comunitarios, grazas á posta en marcha dun centro de día polas mañás.
Neste sentido, o BNG interésase sobre o anuncio para acoller este suposto centro de día e o seu modelo de xestión, tendo en conta que se trata dunha diverxencia do seu uso sobre o proxecto de obra inicial.