O BNG reitera a petición de dimisión de Juan de la Fuente polo caso das facturas falsas
Este Goberno local do PP está absolutamente trufado de corruptelas, de abuso de poder e de falta de transparencia e de rigor
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, reiterou a petición de dimisión inmediata de Juan de la Fuente e do resto de membros da Corporación imputados en casos de corrupción, de abusos de poder e de malas prácticas na xestión desta institución, logo de que transcendese o resultado do informe pericial que conclúe que este concelleiro do PP asinou seis facturas para cobrar axudas de asociacións veciñais.
O nome de Santiago de Compostela volve ser centro de atención informativa asociado a corrupción, a abuso de poder ou a malas prácticas polo caso das facturas falsas de Juan de la Fuente, que veñen evidenciar que este goberno do PP non só é o peor Goberno da historia democrática de Santiago de Compostela senón que, con diferenza, é o que máis dano e prexuízo lle ten provocado á cidade.
Un Goberno indigno que avergoña a veciñanza
Este Goberno local do PP está absolutamente trufado de corruptelas, de abuso de poder e de carencia de transparencia e de rigor no día a día, é un Goberno á deriva e agonizante e que na súa deriva se está a levar por diante a Santiago de Compostela, afirmou con rotundidade por portavoz nacionalista. É un Goberno sen dirección e sen proxecto de futuro, porque está máis preocupado polas súas causas xudiciais que polos problemas cotiás da veciñanza e que se ve incapaz de xestionar o día a día dunha cidade como Santiago de Compostela, dixo. Destacou tamén que é un Goberno indigno que avergoña o conxunto da veciñanza que non merece padecer isto por máis tempo.
A comisión de investigación, a petición da oposición
É máis que previsíbel que digan que este Goberno é o máis transparente do mundo porque permitiu crear unha comisión de investigación interna e que non teñen moito que dicir porque non está rematada, explicou. Dende o primeiro momento das sospeitas de irregularidades nas facturas das asociacións veciñais para xustificar subvencións, o BNG esixiu que se depurasen as responsabilidades caese quen caese e, por ese motivo, defendeu a creación dunha comisión de investigación interna. Non se creou porque a impulsase o alcalde nin grupo de Goberno; foi a oposición quen trasladou esa petición ao Pleno e a presión política e social conseguiu que se puxese en marcha a investigación, indicou. Juan de la Fuente foi a única persoa que se negou a responder as preguntas dos grupos da oposición e el ben sabería por que non quixo, lembrou Rubén Cela.
Esta comisión chegou á conclusión de que había facturas falsas e falsificadas nos dous expedientes analizados e que puidera existir unha suposta suplantación de identidade no expediente da asociación de veciños de Vidán, onde se detectou que Juan de la Fuente a pesar de non formar parte da directiva, dende había tempo, o enderezo electrónico a efectos de notificación era o seu correo corporativo de concelleiro e o enderezo postal era o da súa propiedade.
Perante iso, a comisión acordou darlle traslado á Fiscalía e ao Tribunal de Contas e iniciar o expediente de reintegro daquelas subvencións. No momento en que se realiza a imputación de Juan de la Fuente, o BNG esixiu a súa dimisión inmediata e o PP procedeu a un peche de filas e declaracións que anunciaban confianza plena do Goberno municipal no concelleiro Juan de la Fuente.
Complicidade da dirección do PP
O informe pericial determina feitos gravísimos, indicou Rubén Cela, Juan de la Fuente non debería seguir na Corporación e se segue é exclusivamente porque Ángel Currás e a dirección do PP llo permiten de xeito cómplice. Entre outras cousas porque o alcalde debería ser o primeiro en dimitir das súas funcións, explicou.