Rubén Cela: O alcalde incumpre, a sabendas, o regulamento municipal no seu beneficio
O BNG reclama a convocatoria do Debate do Estado do Concello, como contempla o regulamento municipal
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago puxo en evidencia a falta de respecto do PP ás normas de funcionamento da institución, aos grupos da oposición e á veciñanza de Compostela ao non convocar, un ano máis, o Debate de Estado do Concello.
Trátase dun debate que non é optativo, afirmou Rubén Cela, está recollido no artigo 114 do regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello de Santiago que en cada mandato se convocarán tres sesións extraordinarias dedicadas ao Debate do Estado do Concello. Rubén Cela comparou este procedemento co dos debates do estado da nación e da autonomía. A alguén se lle pasaría pola cabeza que Rajoy ou Feijóo non os convocasen?, preguntouse.
Lembrou ademais que no mes de decembro de 2012 o grupo municipal do BNG lle enviara unha carta ao alcalde para esixir a convocatoria dese Pleno, mais aínda non obtivo resposta nin resultado positivo. Daquela, o alcalde argumentou nos medios de comunicación que, a pesar de que non levaba un ano no cargo, non tiña inconveniente en convocalo se a oposición o pedía mais non foi así.
Segundo explicou Rubén Cela, o incumprimento do regulamento no referido a este debate non é unha excepción pois o prazo para responder as preguntas dirixidas ao Goberno local é de 15 días e o BNG leva agardando, por exemplo, dende o 28 de outubro pola resposta ás xestións que ían desenvolver sobre o tema de Clece ou sobre os bens propiedade da Igrexa católica que gozan de exención do IBI. Isto dificulta a tarefa de fiscalización da oposición, indicou, ao tempo que é mostra da falta de transparencia na xestión do Goberno local.
Aniversario do Pokemon
Para o portavoz do grupo nacionalista, Currás incumpre, a sabendas, o regulamento municipal no seu beneficio para evitar facilitar información e debater sobre temas que lle resultan molestos. En concreto, referiuse Rubén Cela a que hoxe fai un ano da primeira imputación dunha concelleira do PP de Santiago na operación Pokemon.
Indicou tamén que a cidadanía sabe que Santiago de Compostela sufriu un claro retroceso co Goberno do Partido Popular no laboral, no comercial, no industrial, no turismo, na emigración e nos índices de pobreza e persoas en risco de exclusión social. Mais tamén nos grandes proxectos da cidade como a construción da intermodal, da estación depuradora, do desdobramento da AP-9, dos centros de saúde de Conxo e de Galeras e da Escola Oficial de Idiomas e en canto ao urbanismo, á conservación do patrimonio, á cultura e á lingua galegas e ás liberdades básicas, entre outros.