O BNG insta ao Concello a realizar as obras de reparación nas escolas de infantil e primaria
A actual situación de falta de atención dos centros públicos educativos de Santiago ten un claro responsábel: o Goberno municipal do PP
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para que o Concello proceda a realizar as necesarias actuacións de reparación e de mantemento de competencia municipal nos centros educativos de Santiago, tendo en conta que non se efectuaron durante o verán en coincidencia co período de vacacións escolares.
Correspóndelles aos concellos a conservación, mantemento e vixilancia dos edificios e demais instalacións escolares dos centros públicos de infantil e de primaria, así como das escolas e nas da rede do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, é dicir as escolas da rede Galiña Azul do Tambre, de San Roque e de Tras Parlamento, sinalou.
Segundo lembrou Elvira Cienfuegos, o concello conta con 13 centros de educación infantil e primaria públicos con máis de 10 anos de funcionamento, agás o Ramón Cabanillas, e algúns como o Apóstol Santiago, ten preto de 60 anos. Requiren unha atención continuada, especialmente nos elementos construtivos que nunca sufriron unha remodelación a fondo e unha dedicación especial antes do inicio de cada curso, que tampouco houbo para este 2013-2014, explicou.
E así citou como exemplos goteiras nos corredores, nos pavillóns ou nas aulas; canlóns atascados; baixantes que se desprenden; pintura deteriorada, persianas estragadas; aseos ou cisternas que funcionan mal; cerraduras que non pechan, valos perimetrais que resultan insuficientes... Son situacións comúns a moitos centros, en algúns dos cales as repercusións resultan especialmente preocupantes, afirmou.
Aparcadoiro no CEIP de Roxos
Hai outros problemas que son específicos e derivados de cambios no contorno dos centros, como o caso do CEIP de Roxos, en que aumentaron as vivendas nas proximidades co conseguinte incremento de tránsito rodado. O alumnado do centro, sen apoio de Policía municipal, ten que subir aos buses escolares desde a propia calzada, co risco que representa no momento en que, ademais, as familias veñen recoller alumnado nos propios vehículos. A solución definitiva será a construción dunha rotonda que lle permita xirar aos buses, mais no entanto, e dado o perigo que entraña a situación actual, parece obrigada unha solución transitoria que pasa por acondicionar unha parcela municipal que está no linde e que ben podería utilizarse transitoriamente como parada dos buses e evitar así riscos innecesarios.
Desprendementos na escola infantil de San Roque
Tampouco se atenderon os estragos xurdidos nas escolas infantís da rede Galiña azul, e bo exemplo é que o falso teito que se desprendeu hai semanas no vestíbulo da EI de San Roque segue sen repararse. Ademais da imaxe que dá, e da perda de calor que significa a súa falta, supón un risco para os usuarios, nenos e nenas de 0 a 3 anos, porque poden continuar os desprendementos e caer sobre eles.
As obras pódense facer no Nadal
Para a concelleira do BNG, as vacacións escolares deste Nadal poden ser a época propicia para efectuar arranxos nos centros sen interferencias coa actividade educativa, xa que non se produciron durante o verán como era habitual.
Estas actuacións constitúen unha obriga para os concellos e debe ser unha prioridade, pola importancia que para calquera administración e tamén para a local, debe ter a calidade da educación pública, indicou Elvira Cienfuegos. A actual situación de falta de atención dos centros públicos educativos de Santiago ten un claro responsábel: o Goberno municipal do PP, concluíu.