O BNG considera desacertado crear un parque infantil cercado por vehículos na praza de Galiza
Cómpre desenvolver un plan de remodelación estrutural da praza de Galiza, que inclúa unha reordenación do tráfico, das paradas de bus e das beirarrúas
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2013.- O grupo municipal do BNG de Santiago considera desacertado e improvisado o proxecto do Goberno local do PP para instalar un parque infantil na praza de Galiza polo perigo que pode entrañar para os nenos e as nenas, xa que é un dos lugares con máis tráfico da cidade.
A contaminación, o ruído e os gases que saen tanto do aparcadoiro soterrado como os que emiten os numerosos coches que transitan a diario pola zona son algúns dos factores que o BNG estima que non favorecen a creación dunha zona de xogos para as crianzas na praza de Galiza, posto que este emprazamento non garante, a priori, os requirimentos de seguridade viaria e peonil que precisan estas instalacións. Ademais, existen outros equipamentos próximos de características semellantes para o lecer de nenos e nenas.
Porén, para o grupo nacionalista, cómpre desenvolver un plan de remodelación estrutural da praza de Galiza, no que se inclúa unha reordenación do tráfico, das paradas de autobús e das beirarrúas, que han de ser máis anchas para garantir o espazo suficiente para o paso de peóns. Na actualidade, existen dificultades ao transitar tanto para vehículos como para persoas a pé debido á falta de visibilidade e ao estabelecemento de diversas liñas e paradas de bus que colapsan a calzada e as beirarrúas e, sobre todo, isto acentúase cando hai grupos de turistas que agardan con maletas pola liña que vai até o aeroporto.
Tamén existen dificultades para camiñar polas beirarrúas da illa central, que se ven interrompidas de xeito abrupto polas bocas de entrada e de saída de vehículos do aparcadoiro. Entre outros aspectos, é necesaria ademais unha adecuación e sincronización dos tempos dos semáforos para gañar seguridade e fluidez.
Deste xeito, o BNG insta ao Goberno local a reconsiderar este proxecto de parque infantil na praza de Galiza ante a oposición cidadá que suscita, posto que non é o lugar máis acaído para crear unha zona de lecer rodeada de vehículos cando hai demandas prioritarias para mellorar a seguridade viaria na zona aínda pendentes de realizar.