Rubén Cela apela á responsabilidade para non usar o debate das fusións de xeito propagandístico"
O que algúns demandan agora non se corresponde coa súa práctica política
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de debate recorrente na proximidade de procesos electorais o tema da fusión de municipios que, en moitas ocasións, é utilizada de xeito propagandístico. Para o BNG é un debate de gran calado que, sendo responsábeis, non se debera abordar con tanta frivolidade, indicou.
Para o BNG é indiscutíbel que existe unha realidade comarcal, metropolitana ou como se lle queira chamar. É obvio que o ámbito de influencia de Santiago supera as fronteiras xurídicas do termo municipal e que existen moitas e moi fortes interrelacións entre os diferentes concellos da comarca, especialmente entre os núcleos de poboación máis próximos a Compostela. O nacionalismo galego sempre defendeu un mapa comarcal con competencias para as comarcas, subliñou. Por iso, tratar o debate como fusión si ou non é unha perspectiva errada.
Así, reclamou unha reestruturación global da arquitectura institucional do Estado español, porque non ten ningún sentido que un veciño ou veciña teña sobre si seis ámbitos institucionais diferentes: Concello, Deputación provincial, Xunta de Galiza, Delegación do Goberno español, Goberno do Estado e Unión Europea.
Polo tanto, o primeiro debate que se debera dar é o da supresión das deputacións provinciais, delegacións do Goberno español e ministerios que non teñen ningunha competencia real porque están transferidas na súa totalidade, explicou.
Para o BNG, antes de falar de reforma de estruturas municipais, hai que explorar todas as posibilidades de colaboración e cooperación, sen descartar tampouco eventuais fusións. Este debate non se está a abordar co rigor que se precisaría por dúas cuestións, porque non se vai ao fondo do problema, que é un insuficiente e inxusto modelo de financiamento dos concellos, para o que é imprescindible a modificación do Participación nos Ingresos do Estado PIE, entre outras necesidades; porque o novo marco normativo imposto polo PP é especialmente lesivo para os concellos de menos de 20.000 habitantes a favor das deputacións; e polas novas limitacións a creación de espazos de colaboración intermunicipal como consorcios, mancomunidades, etc.
Aludiu tamén que a que o que algúns demandan agora non se corresponde en absoluto coa súa práctica política, en referencia ao parque comarcal de bombeiros, ao afogamento da mancomunidade e á canceira, entre outros. Por parte do PP, dixo, o único avance nese sentido foi o impulsado en materia de promoción turística con Área de Santiago onde, por certo, o Concello de Teo renunciou a entrar.
Tampouco a Xunta de Galiza, cando Agustín Hernández era responsábel destas áreas, se caracterizou por atender cuestións básicas como o trasporte metropolitano, a mellora da conectividade ferroviaria de proximidade, a estación intermodal, o metro lixeiro, a nova Escola de Idiomas ou a ampliación do Conservatorio, por exemplo.