O BNG traslada ao Pleno unha moción co fin de recadar apoios á ILP do legado de Castelao
O descoñecemento da historia de Galiza repercute de xeito negativo na conciencia social do pobo galego e na súa autoestima, sinala a iniciativa
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2015.- O BNG traslada ao Pleno deste venres unha iniciativa destinada a recadar o apoio da Corporación de Santiago de Compostela á Iniciativa Lexislativa Popular para dar a coñecer o legado de Castelao.
A ILP presentada no Parlamento de Galiza, impulsada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, naceu co obxectivo de reclamarlle á Xunta a difusión da figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) para facilitarlle o acceso do seu legado ao pobo galego, mediante a catalogación de toda a súa obra, a súa dixitalización e a súa integración nun espazo museístico, ademais da sinalización dos lugares relacionados coa súa vida. Trátase de que a súa obra artística, literaria e ensaística de carácter político poida estar aberta ao público para ser estudada debidamente e con presenza no sistema educativo e nos medios de comunicación do noso país, segundo figura no texto da moción do BNG.
Esta iniciativa pretende salvar a eiva existente no sistema educativo relativa á desatención do coñecemento da historia de Galiza e das súas manifestacións culturais e patrimoniais, que repercute de xeito negativo na conciencia social do pobo galego e na súa autoestima. Nesta desatención histórica e cultural é especialmente significativa a ausencia da figura de Castelao, cunha obra de valor incuestionábel na primeira metade do século XX no ámbito político, artístico e literario.
O Parlamento de Galiza declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural mais o Goberno da Xunta non fixo efectivo este acordo, para o que cómpre a colaboración de diversas institucións, organismos e entidades que posúen obras da autoría de Castelao para asinar acordos de cesión co fin de que poidan ser expostas, con carácter permanente e dotadas das debidas medidas de protección, co obxectivo de divulgar o seu coñecemento.