En termos políticos, é reprobábel pagar con fondos públicos a defensa dun edil acusado de corrupción
Rubén Cela lembrou que o BNG sempre diferenciou os planos da responsabilidade legal e da responsabilidade política
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, valorou en rolda de prensa a sentenza da Audiencia Nacional que absolve os sete edís do PP que foran inicialmente inhabilitados por prevaricación ao acordaren pagar con fondos públicos a defensa dun imputado por tráfico de influencias, suborno e falsidade documental no marco da operación Pokemon. Así, Cela lembrou que o BNG sempre diferenciou os planos da responsabilidade legal e da responsabilidade política.
Nese sentido, afirmou, o BNG non denunciou nin entrou en consideracións xurídicas, mais esixiu responsabilidades políticas por adoptaren o acordo de sufragar con cartos públicos a defensa dun concelleiro imputado por supostos delitos de corrupción, en concreto, tráfico de influencias, suborno e falsidade documental, nun momento en que o Concello tiña xa, non só ese senón, varios imputados máis en diversas investigacións xudiciais e onde existía unha evidente alarma social ao respecto.
Con independencia de que un tribunal atope un feito constitutivo de delito ou non, non quere dicir que ese feito sexa aceptábel en termos éticos e políticos e abundou en que a sentenza exculpa dun delito de prevaricación, pero tampouco di que as cousas se fixeran ben.
Para o BNG a decisión que adoptou aquela Xunta de Goberno, con independencia da súa legalidade, non foi só unha torpeza política, foi tamén un exercicio de arrogancia, desconsideración ás opinións e preocupacións da cidadanía.
Ademais, engadiu que pode haber controversia xurídica, pero desde o punto de vista político, para o BNG, non a hai. Hai unha decisión dunha Xunta de Goberno que daquela era absolutamente reprobábel en termos éticos e políticos e hoxe, con independencia desta sentenza, ségueo a ser, explicou.