Os obradoiros de comunicación do BNG analizan as ideas forza e o discurso de campaña
Goretti Sanmartín explicou que no BNG se conseguiu reunir "unha expresión de pluralidade, diversa e heteroxénea", facendo que moita xente vexa nel "a garantía de cambiar de libro e non de pasar páxina".
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2015.- O BNG - Asembleas Abertas impartiu obradoiros de comunicación dirixidos aos seus candidatos e candidatas e transmisores da mensaxe electoral para "ver as ideas forza e analizar cal é o discurso e propostas principais para esta campaña", así como para facer balance do seu traballo, segundo explicou a responsábel de Implantación Territorial e Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín.
O BNG sente a responsabilidade do que significa ser "a ferramenta necesaria para garantir o cambio" que di ansiar a cidadanía, indicou. Sanmartín asegurou ademais que "o importante" dende a perspectiva do BNG é "cambiar as prioridades" para facer "que o pobo galego sexa prioridade nestes momentos de urxencia social e nacional".
Neste sentido, considera fundamental facer que as políticas se dirixan aos sectores máis desfavorecidos, así como a crear emprego, evitar a emigración xuvenil, eliminar as discriminacións sociais e laborais da muller, ademais de potenciar a lingua, a cultura e o patrimonio.
Para iso, a dirixente nacionalista sostén que se conseguiu reunir "unha expresión de pluralidade, diversa e heteroxénea" no BNG, facendo que moita xente vexa nel "a garantía de cambiar de libro e non de pasar páxina". Un símil que dende a formación nacionalista utilizarán aínda con máis forza a partir do día 13 de abril, data na que comezará a precampaña, coa convición de que "o BNG é a garantía para cambiar de libro e facer que sexa a propia xente quen constrúa ese libro e decida de maneira directa".
Goretti Sanmartín asegura que "hai unha recepción moi positiva respecto da proposta que está a lanzar o BNG", e manifesta que a xente entende que é "unha alternativa necesaria para este momento", polo que desexan transmitir o "entusiasmo de que é posíbel cambiar as cousas".