Rubén Cela aprecia “falta de interese” de CA para comezar "cun acordo estábel de goberno co BNG"

Rubén Cela aprecia “falta de interese” de CA para comezar "cun acordo estábel de goberno co BNG"

“CA ten os seus tempos e o BNG tamén, agora terá que ser a asemblea do BNG quen avalíe o acontecido”, explica Rubén Cela

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2015.- O BNG de Santiago, a través do concelleiro Rubén Cela, realizou unha valoración do nomeamento e dos termos do novo Goberno municipal que constitúen “unha boa mostra da falta de interese real por parte de Compostela Aberta de comezar este mandato cun acordo estábel de goberno co BNG”.

“Até agora, máis alá das declaracións de boas intencións, houbo un interese claro por non chegar a ningún tipo de acordo antes do Pleno de Investidura, como puideron comprobar as persoas que representaron o BNG na comisión de negociación”, explicou Rubén Cela. Ademais, presentouse un equipo de goberno completo, “sen a deferencia de trasladarlle ao BNG esa decisión e resulta especialmente curioso que se anunciase antes da asemblea de CA, onde se ía tratar a posibilidade de avanzar nese ámbito de exploración dun acordo estábel co BNG”, engadiu.

Para o BNG, un Concello non pode estar paralizado polo feito de haxa dúas forzas políticas inmersas nun proceso de diálogo, “porque xa bastante estivo paralizado este nos últimos catro anos”. “Parécenos razoábel que o alcalde fixese delegacións de determinado tipo de competencias e de sinatura en diferentes concelleiros e concelleiras, agora ben, o grao de concreción da equipa que se presentou o luns incluíndo aspectos que para nada son indispensábeis para o funcionamento deste concello no curto prazo, como o nomeamento das tres tenencias de Alcaldía, evidencian que non se trata dun Goberno provisional senón que son a concreción dunha decisión de iniciar en solitario o Goberno municipal de Santiago”, sinalou. Para Rubén Cela, trátase dunha decisión “lexítima, como forza máis votada da Corporación como é Compostela Aberta, e que respectamos”.

Segundo explicou Rubén Cela, neste proceso, o BNG está a manter unha actitude “que non se pode reprochar nada dende o minuto un”, “de man tendida e cunha posición aberta ao diálogo e ao acordo, nunca tivemos unha vontade de autoexclusión senón todo o contrario, unha vontade de concretar os acordos antes da investidura e que non se plasmou só en boas palabras senón tamén en feitos, como o de votar favorabelmente á investidura de Martiño Noriega como alcalde de Santiago, a pesar de que os nosos votos non eran imprescindíbeis e que sería máis cómodo votar en branco ou a nós mesmos”. “Quixemos mollarnos, mollámonos e fixemos unha declaración de intencións coa nosa posición de voto”, indicou.

En base ás declaracións de CA, parece que comeza un novo goberno en Santiago e que se deixan as portas abertas á posibilidade de incorporar o BNG máis adiante “e esa é unha posibilidade que nós teremos que analizar”, afirmou. “CA ten os seus tempos e o BNG tamén, agora terá que ser a asemblea do BNG quen avalíe o acontecido”, dixo.

Agregou tamén que, “con independencia de como remate este proceso, queremos desexarlle a máxima sorte a ese novo Goberno que comeza esta andadura e ratificármonos en algo que repetimos durante semanas, a vontade de chegar a acordos, de dialogar e de poder colaborar para sacar adiante asuntos importantes para Santiago de Compostela e esa vontade segue en pé, tanto no goberno como na oposición”.

A preguntas de xornalistas sobre a vontade de diálogo expresada por CA para aprobar orzamentos e ordenanzas fiscais, Rubén Cela afirmou que “o diálogo vai implícito nun goberno en minoría, non é potestativo; é obrigatorio”.

Rubén Cela aprecia “falta de interese” de CA para comezar "cun acordo estábel de goberno co BNG"