O BNG insta ao alcalde a pendurar da balconada do Pazo de Raxoi a bandeira LGBTI o 28 de xuño
Esa xornada ten que servir para contribuír a favorecer unha realidade plural que moitas veces non existe por ser invisibilizada social e politicamente
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2015.- O BNG insta ao alcalde a pendurar o vindeiro 28 de xuño a bandeira do arco da vella que simboliza os dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, alén doutras actividades que o Concello de Santiago debera organizar con motivo desa conmemoración.
O 28 de xuño é o Día internacional polos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, unha xornada que a xuízo do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego ten que servir para demandar unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación e de facer visíbel unha realidade plural que moitas veces non existe por ser invisibilizada social e politicamente.
Por ese motivo, o grupo municipal do BNG requírelle que, alén doutras actividades que o Concello de Santiago necesariamente debera organizar con motivo desa data, se pendure da balconada principal do Pazo de Raxoi a bandeira do arco da vella.