MUNICIPALIZACIÓN

Rubén Cela: “O BNG está a favor de que o Concello asuma a xestión directa da ORA e do guindastre”

A aplicación da sentenza xudicial que pesa sobre este servizo aínda non foi executada

Rubén Cela: “O BNG está a favor de que o Concello asuma a xestión directa da ORA e do guindastre”


Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, indicou que “o BNG está a favor de que o Concello asuma a xestión directa do servizo de ORA e guindastre”.

Despois de que a viceinterventora advertise que non se dera tempo suficiente para estudar en detalle un expediente tan complexo e que, polo tanto, non podía cumprir coa súa función de asesorar os membros do Consello de Administración de TUSSA sobre o informe de viabilidade de remunicipalización do servizo de ORA e guindastre, o BNG decidiu absterse na votación do mesmo e propor unha nova convocatoria do Consello para a vindeira semana para garantir que desde a Intervención se poida cumprir a función de asesoramento que ten encomendada así como para que os membros do Consello poidan presentar as dúbidas que estimen oportunas sobre os informes remitidos.

Cómpre lembrar que o BNG foi especialmente crítico coa xestión deste servizo e que foi a organización que denunciou publicamente as irregularidades cometidas pola empresa concesionaria durante o Goberno municipal do PP, ao non ingresar o canon correspondente ao Concello de Santiago nos termos que debía facelo.

“Tanto publicamente como no Consello de Administración de Tussa, a posición do BNG foi claramente a favor da municipalización deste servizo, mais despois de que desde a Intervención municipal se cuestionase o tempo outorgado polo Goberno local para estudar o expediente dada a súa complexidade para asesorar os membros participantes na reunión, acordou absterse e aprazar o voto favorábel a contar cun asesoramento favorábel por parte da intervención municipal”, explicou Rubén Cela.

O BNG sempre será favorábel á xestión directa por parte do Concello deste servizo sempre que se faga con todas as garantías xurídicas e laborais. Porén, o BNG non entende que neste proceso non se debe tratar exclusivamente a remunicipalización senón o modelo de ORA do futuro en Santiago. Nese sentido, o BNG propuxo que se estudase o aplicado con éxito en Pontevedra, cun sistema gratuíto que garante a rotación de vehículos estacionados no centro da cidade sen custe para a cidadanía.

A veciñanza sabe que o BNG se caracteriza por exercer unha oposición firme e construtiva e, neste caso, Compostela Aberta equívocase de inimigo e terxiversa o contido dunha reunión, cando a posición a favor da municipalización é defendida con claridade e nitidez polo grupo municipal nacionalista en Raxoi, ademais de ser coñecida publicamente.

Por outra banda, Rubén Cela lembrou que a aplicación da sentenza xudicial que pesa sobre este servizo aínda non foi executada e que, pola contra, a actual concesión vense prorrogando por parte do Goberno de Compostela Aberta dende xaneiro.


 

 

Rubén Cela: “O BNG está a favor de que o Concello asuma a xestión directa da ORA e do guindastre”