CENTROS SOCIOCULTURAIS

O BNG pregunta pola “reestruturación da programación dos centros socioculturais”

Nun informe da última Xunta de Goberno sinálase a modificación dunha partida económica do “periodo comprendido entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 2016 por non terse realizado todas as actividades programadas”

O BNG pregunta pola “reestruturación da programación dos centros socioculturais”

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016.- O grupo municipal do BNG formularalle ao Goberno local unha pregunta sobre “a reestruturación da programación das actividades –dos centros socioculturais- cos consecuentes recortes na oferta das mesmas e a previsión de aforro para poder cubrir a demanda até decembro de 2016”, segundo consta na documentación da última Xunta de Goberno.

O BNG reitera que o Goberno municipal mantén dende marzo unha situación irregular na contratación do servizo dos centros socioculturais, que seguen a desenvolver a súa actividade sen soporte económico legal, pois a empresa non ten posibilidade de prórroga. Neste sentido, pese ao compromiso de que en setembro estarían funcionando cun novo contrato, o concurso aínda non saíu a licitación, o que imposibilita a pronta resolución desta situación inzada de irregularidades de xestión económica e laboral.

A documentación da última Xunta de Goberno, reunida o venres 26 de agosto, recolle unha proposta aprobada relativa “á liberación de saldo de crédito retido para a programación de actividades da rede de Centros Socioculturais correspondentes ao periodo comprendido entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 2016 por non terse realizado todas as actividades programadas”.

O contrato do servizo dos centros socioculturais que contaba cunha licitación de 1,6 millóns de euros anuais rematou o 14 de marzo. Para o BNG, é incomprensíbel que Compostela Aberta, dende a toma de posesión en xuño de 2015 e tendo en conta que sabía da data de expiración do contrato dos centros socioculturais, non realizase ningún avance na remunicipalización do servizo, nin no cambio de modelo de xestión nin tampouco para licitar un novo contrato.

 

O BNG pregunta pola “reestruturación da programación dos centros socioculturais”