Rubén Cela comprométese a reorientar o orzamento do Consorcio para dinamizar a zona histórica
Máis do 80% do orzamento do Programa de Monumentos 2015 será dedicado a edificios relixiosos
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, comprométese para o próximo mandato, en caso de ter responsabilidades de Goberno, a defender un cambio de orientación nas actuacións do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela pois "é necesario priorizar a mellora das vivendas para gañar habitantes e tamén a rehabilitación espazos comerciais para contribuír a dinamizar a Cidade Histórica".
Sinalou que unha porcentaxe moi elevada do investimento público do Consorcio se dedicou nos últimos anos a restaurar bens de culto da Igrexa católica e unha parte moi pequena a outro tipo de actuacións que deberan ser prioritarias.
Sen ir máis lonxe, na modificación do Programa de Monumentos 2015 aprobada na Comisión Executiva, máis do 80% do orzamento (829.660 euros de 1,039.238 euros) será dedicado a edificios relixiosos, sen contar que entre os exercicios 2012-2014 o Consorcio leva investidos 2,615.557 euros no conxunto catedralicio.
Para o BNG, é urxente reorientar estas políticas e destinar os orzamentos do Consorcio á revitalización do conxunto da zona histórica, para gañar poboación e dinamizar a súa actividade, afirmou Rubén Cela.