ORA

Rubén Cela considera un “erro político inadmisíbel” que o Goberno local non reclame un canon á concesionaria da ORA

O Concello deixou de ingresar, así, uns 300.000 euros anuais dende 2015

Rubén Cela considera un “erro político inadmisíbel” que o Goberno local non reclame un canon á concesionaria da ORA

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu en rolda de prensa de “erros na materialización do proceso de municipalización da ORA e do guindastre”. Así, considerou un “erro político inadmisíbel” que o Goberno local de Compostela Aberta non reclame o canon variábel á empresa concesionaria Settex Aparki.

O BNG sempre presentou reticencias sobre o procedemento, o resultado e as debilidades do expediente, sinalou, “e a nosa preocupación ante o resultado que poidan ter en sede xudicial os máis que previsíbeis recursos”, xunto co proceso de novas xudicializacións.

Rubén Cela fixo esta valoración porque hoxe se executou o acordo de liquidación -que fora aprobado en Xunta de Goberno de outubro de 2015- coa empresa Settex Aparki, “que chega tarde, pois sempre defendemos que tiña que ser previa ao acordo de municipalización”, indicou. Porén, o Concello non reclama o canon variábel á empresa Settex Aparki, que cualificou de “erro político inadmisíbel”. O alcalde tomou como base unha sentenza anterior que o propio Concello non recorreu, mais despois expedientou o servizo xurídico por non presentar o recurso. Precisamente, “por esa sentenza entón tampouco tería que reclamar o canon fixo”, engadiu.

O canon fixo era de 55 euros por praza de ORA e o variábel dun 80% do beneficio neto da empresa, estimados os ingresos para o Concello de Santiago en 300.000 euros anuais. “Asumir e non reclamar eses pagos equivale a darlle veracidade á versión da empresa de que perde diñeiro con este servizo”, dixo, “mais alguén en Santiago pode crer que esta empresa que ten un contrato anulado dende setembro de 2015 e leva dous anos e medio prestando este servizo ao que non está obrigada e que estea a perder diñeiro?”, preguntouse.

Referiuse tamén á decisión de que o Concello pague, durante un tempo indefinido, un alugueiro pola actual parcela do guindastre municipal, o que non é “ética e politicamente razoábel” xa que hai unha sentenza que foi detonante do proceso que expón que a parcela non cumpre coas especificacións que marcaban os pregos de contratación. “Iso demostra a absoluta improvisación deste Goberno de Compostela Aberta, pois non é normal que despois de dous anos deste proceso non tivesen preparado nada porque ao final non foi para adiante a construción do equipamento municipal e ao final haberá que pagarlle un alugueiro á empresa Settex Aparki polo mobiliario, software, cámaras, parquímetros e ademais ao particular pola parcela”, dixo.

Lembrou tamén que, grazas á emenda que presentou o BNG no Pleno para a aprobación do acordo de municipalización, a empresa TUSSA deberá contar cos medios materiais para poder asumir a encomenda de xestión, sempre que haxa secesión de empresa, cunha subrogación do persoal e dos medios materiais.

Rubén Cela considera un “erro político inadmisíbel” que o Goberno local non reclame un canon á concesionaria da ORA