BALANCE

Rubén Cela cuestiona o “relato idílico da xestión” do equipo de Noriega no balance de tres anos das municipais

rubengoretti.peqi
Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei

“Caracterizámonos por facer unha oposición construtiva a favor da veciñanza de Santiago”, destaca Goretti Sanmartín Rei

Rubén Cela cuestiona o “relato idílico da xestión” do equipo de Noriega no balance de tres anos das municipais

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2018.- Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei, do grupo municipal do BNG de Santiago, fixeron balance após tres anos das eleccións municipais onde destacaron as propostas en positivo que trasladou a formación nacionalista durante este período e as eivas na xestión diaria municipal que se detectan no equipo de Goberno de CA.

“É certo que normalizaron a vida municipal tras catro anos calamitosos do PP, mais non é menos certo que a xestión de CA está a ser moi deficiente nalgúns aspectos importantes, moi lonxe do relato idílico e carente de autocrítica que amosan”, sinalou Rubén Cela. Destacou que se desenvolveron actuacións concretas que o BNG impulsou e apoiou como a recuperación do espazo do Banquete de Conxo, a Semana do Libro, a campaña  contra a violencia de xénero, a duplicación das bolsas de comedores ou o novo edificio da Escola Municipal de Música.

“As cuestións que CA suspende son referidas, fundamentalmente, á xestión ordinaria” cuns niveis de execución de “orzamentos irrisorios” (en 2015, o 25% do investimento; en 2016 o 22% e en 2017 aínda non publicaron os datos pese a que a data límite legar era o 1 de marzo de 2018). Ademais, non hai ningunha obra nova de entidade que fose por iniciativa propia de CA, pois Montero Ríos, Vista Alegre, Carretas, Carreira do Conde, Avenida de Vilagarcía e Castrón Douro proveñen do Goberno anterior.

En canto á xestión dos servizos, lembrou que os centros socioculturais estiveron dous anos sen contrato, a ORA e o guindastre cun contrato anulado por sentenza xudicial en setembro de 2015 segue hoxe coa mesma empresa, o pádel, a Escola Municipal de Música, o Matadoiro Municipal, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, a cafetaría da Granxa do Xesto, a escola infantil de Salgueiriños, a limpeza e conserxaría dos colexios, a limpeza do Concello e o transporte público tamén operan sen contrato. Mención á parte, merece a xestión dos comedores escolares e o servizo de axuda a domicilio polos problemas que ocasionaron.

Aludiu tamén ás “pésimas negociacións con outras institucións” no relativo á estación depuradora, á estación intermodal e á humanización de Conxo. Ademais de reiterar “os incumprimentos dos acordos co BNG froito das negociacións para aprobar os Orzamentos municipais e a distancia sideral entre o que din e o que fan”, como no relativo ás últimas privatizacións da xestión de multas, redacción de pregos e directorio de protocolo, que sempre foran realizadas por persoal funcionario, explicou.

Goretti Sanmartín Rei sinalou que o BNG se destacou “por facer unha oposición construtiva a favor da veciñanza de Santiago”, “por iso se buscaron fórmulas para chegar a acordos para que houbese investimentos na cidade e no rural e para mellorar as condicións de vida”, mais non sempre ese apoio se traduciu en materializar as propostas pactadas pese á responsabilidade do BNG.

Ademais, segundo explicou, o BNG realizou “numerosas propostas en positivo” como a necesidade de estudar un sistema de aparcadoiro gratuíto da ORA, a xestión directa da Escola Municipal de Música moito antes de que se producise o conflito, o plan de accesibilidade que aínda non se reuniu en comisión e unha planta de compostaxe porque consideramos que Santiago debe ser un referente ambiental en reciclaxe, ademais de que debera liderar a recuperación de espazos culturais como a Sala Iago e procurar un lugar expositivo para o patrimonio cultural dos Monicreques de Kukas, que están sen executar pese aos acordos con CA aprobados en Pleno.

“Mais tamén se exerceu un labor de fiscalización, onde se detecta a falta de apoio á participación social”, concretou, sen convocaren os consellos de participación veciñal, cun modelo de orzamentos participativos que presentou irregularidades e sen execución dos proxectos aceptados, ademais dos avisos continuos como o da falta de solución á depuradora e das demandas veciñais do rural para que sexan atendidas,” ademais da queixa de que non se reciben, nin atenden nin responden os colectivos veciñais”. Lembrou tamén que un goberno en minoría como o de Compostela Aberta “ten que dialogar, chegar a acordos e planificar” mais adoece dese comportamento.

 

Rubén Cela cuestiona o “relato idílico da xestión” do equipo de Noriega no balance de tres anos das municipais