Rubén Cela: Desexamos que haxa compromisos orzamentarios firmes para o Campus da Saúde"
O BNG require buscar unha solución definitiva ás vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecidas como Banco do Pobre
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración do anuncio sobre a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e cualificou de excelente nova que se conseguise desbloquear porque ten repercusións tanto para cidade como para o conxunto de Galiza, con ese novo Campus da Saúde onde se poderá integrar a formación en medicina, enfermaría, odontoloxía e os ámbitos de investigación.
Deste xeito, o BNG agarda que se dean pasos decididos e con compromisos orzamentarios firmes para que, máis cedo que tarde, este proxecto sexa unha realidade, afirmou.
Ademais, destacou que hai diversas cuestións que se deben tratar de xeito conxunto a esta decisión, como a busca dunha solución integral á mobilidade desa contorna, porque esta é a oportunidade para pensar como debe ser o aparcamento en superficie na contorna do CHUS e do Hospital Provincial de Conxo.
Este é o momento para buscar unha solución definitiva ao problema que lle se ocasionou aos veciños e veciñas das vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecidas como Banco de Pobre, indicou Rubén Cela. O BNG trasladou múltiples iniciativas ao Pleno de Santiago con este tema, para que se lle sacase a Espada de Damocles da posibilidade de expropiación e para que o Concello de Santiago dispuxese dun sistema de axudas para eses inmóbeis que, durante moitos anos, non puideron remodelarse.
O portavoz nacionalista en Raxoi instou tamén a que, por parte das administracións implicadas -Concello de Santiago, Universidade e Xunta- faciliten con claridade e transparencia información sobre os pasos a dar no futuro sobre o vello hospital de Galeras, a orientación e as previsións do actual edificio de Odontoloxía que, a pesar de estar cedido á USC, é de titularidade municipal; ademais de dar a coñecer que se vai facer no futuro co inmóbel da actual Facultade de Medicina.