DEBATE DO ESTADO DO CONCELLO

Rubén Cela destaca no Debate do Estado do Concello que “o relato de Compostela Aberta e a práctica non se corresponden”

“Igual que recoñecemos que se lles dá ben o relato, dáselles fatal a negociación”, advirte o portavoz municipal do BNG

Rubén Cela destaca no Debate do Estado do Concello que “o relato de Compostela Aberta e a práctica non se corresponden”

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou no Debate do Estado do Concello que hai “un abismo entre o que di e prometeu Compostela Aberta e o que fai”. “O relato e a práctica de Compostela Aberta non se corresponden”, destacou.

Fixo lembranza de que Compostela Aberta, como antes fixo o PP, non cumpre o regulamento municipal para a convocatoria deste debate que debe ser anual “e non se lle está a negar aos grupos da oposición, négaselle aos veciños e veciñas de Santiago de Compostela”, dixo.

Deste xeito, fixo alusión á falta de transparencia, rexeneración democrática, normalización institucional, remunicipalización de servizos, participación veciñal, comarcalización de servizos, recuperación de Santiago como capital do país, desbloqueo de grandes infraestruturas, converxencia entre o rural e o urbano, da Compostela social e verde, da Compostela capital cultural, da defensa dos traballadores/as públicos e de que o Pleno sexa o centro da vida política municipal.

Como malos exemplos de xestión citou que numerosos servizos e concesionarias que están sen contrato como a escola infantil de Salgueiriños, Escola Municipal de Música, Matadoiro Municipal, pistas de pádel, centro de Interpretación Ambiental de Belvís, centros socioculturais, servizo de ORA e guindastre.

No relativo á falta de participación, neste mandato non se constituíron o Consello Escolar Municipal, nin o de Servizos Sociais, Compostela Cultura, Deportes nin Normalización Lingüística. Do mesmo xeito que non se cumpriron os acordos dos Orzamentos Participativos no relativo á escolla de proxectos da veciñanza.

Referiuse ademais á privatización de determinados servizos en troques de avogar pola municipalización que prometeran, ademais da pésima xestión realizada co intento de recuperar a ORA e do guindastre.

En canto ao desbloqueo de grandes infraestruturas e recuperación do peso político como capital de Galiza, Rubén Cela aludiu a que ao Goberno de Compostela Aberta “se lle dá fatal a negociación, como aconteceu coa estación intermodal, co orbital amputado, co paso inferior de Conxo e o remate das obras que provocan graves problemas de seguranza viaria”. Son incapaces de desbloquear ningún dos proxectos pendentes coa Xunta como o centro de saúde Conxo, nova EOI, ampliación do Conservatorio, vivendas en Xoán XXIII, prazas de escolas infantís, centros de día... Fixo especial fincapé na mala negociación sobre a construción da nova depuradora “porque nin sequera chegaron a propor un emprazamento alternativo nos dous anos que levan no Goberno local”, advertiu.

Rubén Cela destaca no Debate do Estado do Concello que “o relato de Compostela Aberta e a práctica non se corresponden”