PLENO
Rubén Cela empraza o alcalde a levar unha proposta alternativa ao Pleno para construír a depuradora e evitar que se faga no Souto
A posición que mantén de sempre o BNG é procurar un emprazamento que minimice o impacto ambiental e social e garanta os fondos europeos
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, emprazou o alcalde Martiño Noriega a trasladar ao Pleno unha proposta alternativa de emprazamento para construír a nova depuradora, os prazos e o sistema de financiamento para evitar que se faga no Souto, como figura no convenio que vai someter a votación.
“En dous anos e medio de Goberno de Compostela Aberta, tiveron tempo para presentar unha proposta alternativa”, afirmou, xa que teñen manifestado estar en desacordo co convenio proposto polo Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta, de construír a estación depuradora de augas residuais no Souto.
Destacou Rubén Cela tamén que o BNG discrepa co financiamento do 20% por parte do Concello que figura nese convenio, cando nas demais localidades a cantidade é dun 5%, e que teña que asumir os posíbeis sobrecustos derivados da obra.
A posición que mantén de sempre o BNG é procurar un emprazamento que minimice o impacto ambiental e social, ademais de axilizar a tramitación para evitar a perda dos fondos europeos e atallar os danos causados pola contaminación, pois cada día que pasa sen que o Goberno actúe seguen verténdose milleiros de litros sen a preceptiva depuración ao río Sar, feito que provocou unha ameaza de sanción da Comisión Europea ao Estado español por este tipo de derrames continuados.