CONCESIONARIAS
Rubén Cela expresa a preocupación polo despedimento de persoal coas novas empresas concesionarias, Lacera e Ferrovial
“Adoptan medidas moi drásticas contra os cadros de persoal que prestaban ese traballo”, advirte
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018.- O portavoz nacionalista no Pazo de Raxoi, Rubén Cela, expresou a preocupación dos servizos que se manteñen sen contrato no Concello de Santiago e polo inicio das novas adxudicatarias, que xa anunciaron o despedimento de persoal.
Explicou que á listaxe dos servizos municipais sen contrato, sumouse onte o da limpeza do propio Concello de Santiago. “Non será por falta de tempo para preparar os pregos e por falta de avisos, mais vese que ao Goberno municipal de Compostela Aberta a Lei de Contratos do Sector Público lle preocupa pouco”, explicou. Nas últimas semanas quedou tamén sen contrato o servizo de limpeza e conserxaría dos colexios públicos de Santiago de Compostela.
Citou, entre outros, a xardinería do parque de Salgueiriños que leva dende marzo sen contrato, a Granxa do Xesto está sen licitar, os autobuses urbanos levan máis dun ano sen contrato, a ORA e o guindastre co novo adiamento da municipalización segue sen contrato pese estar anulado por sentenza xudicial, o caso das pistas de pádel, a Escola Municipal de Música, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, o Matadoiro municipal e os mupis.
Para Rubén Cela, tamén é preocupante que entre os servizos que regularizan a súa situación se atopen “empresas concesionarias que adoptan medidas moi drásticas contra os cadros de persoal que prestaban ese traballo”.
Deste xeito, a empresa Lacera adxudicataria do servizo de conserxaría e pavillóns públicos municipais onde acaban de comunicarlle o despedimento a un traballador e dúas traballadoras. Ademais, “temos indicios de que a actual concesionaria dos centros socioculturais de Santiago, Ferrovial -despois de que Compostela Aberta mantivese sen contrato, por máis de 1 millón de euros anuais e durante 2 anos- vai despedir varios traballadores e traballadoras”.
Advertiu tamén Rubén Cela da “distinta preocupación” que expresa o Goberno municipal “en función dos servizos e persoal adscrito de que se trate, pois si que se preocupan polos traballadores da ORA e da Escola Municipal de Música, mais non se aprecia o mesmo polos dos centros socioculturais ou os pavillóns deportivos”.