MÚSICA AO VIVO

Rubén Cela: “É un profundo erro vincular música ao vivo con ruído”

O BNG propón mellorar a convocatoria de axudas de insonorización de vivendas da zona histórica, afectadas polo ruído que se produce na rúa non nos locais

Rubén Cela: “É un profundo erro vincular música ao vivo con ruído”

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018.- Rubén Cela sinalou que “é un profundo erro vincular música ao vivo con ruído”, en relación ao conflito creado ao abeiro das denuncias producidas coa inminente entrada en vigor da Lei de Espectáculos. “A música ao vivo non é ruído e cando se fai en locais debidamente acondicionados, insonorizados e con medidas de seguranza estipuladas, xunto coas que se realizan en espazos públicos axeitados e respectando os horarios marcados, non é problema senón un valor que hai que protexer, dinamizar e apoiar dende as institucións públicas”, sinalou.

O Concello de Santiago debera liderar a busca dunha solución razoábel, cunha interlocución real e práctica con todos os axentes implicados, a comezar polo Goberno galego, co sector da hostalaría, de artistas e da veciñanza.

“Non ten sentido que este verán un estabelecemento poida realizar un concerto nunha praza pública e que non se poida realizar ese mesmo concerto nun local insonorizado; é inexplicábel”, afirmou. Tamén é contraditorio que na zona histórica, que é maioritariamente peonil, se poidan realizar espectáculos nos espazos públicos, mais non na zona nova. Cómpre buscar un “punto de equilibrio” razoábel entre o dereito da veciñanza a descansar e o de gozar do tempo de lecer cunha boa programación cultural, explicou.

O problema de ruído derívase do son de ambiente das rúas e das condicións estruturais das vivendas e da contorna da zona histórica, explicou. As queixas fundamentais refírense ao ruído motivado por concentracións de persoas na rúa que falan e se desprazan de noite, mais non están provocadas polo ruído emitido dos locais de hostalaría. “Se o problema fose dos locais, habería medidas de insonorización para corrixilo”, dixo. En canto aos problemas estruturais das vivendas, o problema do ruído derívase da propagación do son nas rúas estreitas de pedra e da existencia de carpintarías moi vellas nas portas e fiestras das vivendas da zona histórica.

Deste xeito, Rubén Cela propón mellorar a convocatoria de axudas que creou o Consorcio a petición do BNG para que a veciñanza da zona histórica poida renovar as carpintarías de portas e fiestras. Nos últimos anos tempos mellorou moito a capacidade de illamento térmico e acústico dos materiais de carpintaría, mais teñen un prezo elevado para a poboación da zona vella que vive de pensións cativas, maioritariamente. A partida económica que de destinou a isto é moi pequena, ao tempo que non se pode realizar unha orde de axudas deste tipo dun xeito burocrático e mecanicista como se fixo no Consorcio, senón que cómpre facilitar a súa difusión porta a porta, simplificar a tramitación e ofrecer o asesoramento integral para as mesmas.

Pódese facer unha priorización de zonas saturadas de ruído e de onde existen problemas puntuais de convivencia, dixo, para que nuns anos poidan estar a maioría renovadas, co que se vai gañar calidade vida e eficiencia enerxética. Este é un xeito tamén de gañar poboación para a zona histórica, que entronca coa revisión do Plan especial, afirmou.

Rubén Cela: “É un profundo erro vincular música ao vivo con ruído”