ORA

Rubén Cela cualifica de “escurantista” e de “falta de lealdade” o procedemento para municipalizar a ORA e o guindastre

Solicitou unha xunta de portavoces hai 10 días para demandar información e a nova prórroga coñécese a través da prensa

Rubén Cela cualifica de “escurantista” e de “falta de lealdade” o procedemento para municipalizar a ORA e o guindastre

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018.- Rubén Cela advertiu, en rolda de prensa, que o BNG lle solicitou ao alcalde, “formalmente e por escrito” hai máis de 10 días, unha xunta de portavoces para que dera explicacións da evolución da remunicipalización da ORA e do guindastre “porque sistematicamente se estaban a incumprir as datas que o Goberno anunciaba para asumir o servizo por parte da empresa TUSSA”. “Non só non se convocou, algo inaudito, senón que se filtrou información a un medio de comunicación que non se lle proporciona aos membros do Consello de Administración”, sinalou.

Rubén Cela cualificou este xeito de proceder de “impresentábel e escurantista” ao privar de información aos grupos municipais cando existen incumprimentos sistemáticos, afirmou.

Sobre a data de inicio da municipalización da ORA, o primeiro que se anunciou foi o 16 de abril, logo o 15 de maio, despois o 1 de xuño e hoxe sae nun xornal que se pospón ao 15 de xuño, “isto non é de recibo igual que ler por fascículos cales son os problemas que, por certo, o BNG xa adiantou hai moito tempo”.

“TUSSA é unha empresa pública e os que formamos o Consello de Administración facémolo en pé de igualdade, polo que o mínimo sería convocar unha reunión e dar conta e, máxime, a un grupo político ao que se lle pediu o seu apoio para remunicipalizar este servizo cando tiña un reparo suspensivo da Intervención”.

Ademais, afirmou que  non está de acordo con algunhas decisións do Goberno municipal como o uso da mesma parcela pola que se iniciou todo o conflito, cando o Xulgado anulou o contrato porque non cumpría as características que figuraban nos pregos. “Tampouco parece correcto que na liquidación coa empresa Settex non se lle solicitase o pago do canon variábel que non abonou en todos estes anos, ademais da interpretación interesada que fai o Concello de Santiago de que os parquímetros son de titularidade municipal”, dixo. “Iso demostrarase en sede xudicial que é falso, e haberá que indemnizar co diñeiro de todos os veciños e veciñas á empresa Settex polos parquímetros”, subliñou.

O BNG portouse “coa máxima lealdade, transparencia e corresponsabilización no Consello de Administración de TUSSA e pola vía dos feitos no propio Pleno municipal”. “É unha falta de respecto e de seriedade que o chamado ‘Goberno da transparencia e da participación’ non convocase a Xunta de Portavoces solicitada hai 10 días, aínda estamos esperando”, afirmou, “porque hai cousas que non nos queren explicar”.

Rubén Cela cualifica de “escurantista” e de “falta de lealdade” o procedemento para municipalizar a ORA e o guindastre