PLENO
Propostas para mellorar os aparcadoiros, parques infantís, limpeza e visibilidade de pasos de peóns nas Fontiñas
Estas iniciativas inclúense nunha moción que trasladará o BNG ao Pleno e teñen en común que son pouco custosas economicamente e asumíbeis no curto prazo
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, anunciou en rolda de prensa diversas propostas da veciñanza das Fontiñas. Entre elas, melloras nos aparcadoiros na contorna dos Xulgados, nos parques infantís, na limpeza e na visibilidade nos pasos de peóns.
Trátase dun dos barrios máis populosos de Santiago de Compostela e “tremendamente abandonado” na xestión municipal en canto ao mantemento ordinario. Estas iniciativas incluiranse nunha moción que trasladará o BNG ao Pleno e teñen en común que son pouco custosas economicamente e, polo tanto, asumíbeis no curto prazo “pois non é preciso ningún modificativo de crédito nin orzamento, pois teñen a ver con xestión ordinaria para mellor aspectos destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a seguranza viaria”.
Unha das reclamacións, realizada pola ANPA e a dirección do CEIP Monte dos Postes, é para unir os parques infantís escolar e municipal separados por unha reixa “para que no horario lectivo os nenos e nenas non teñan que estar achicados nun espazo e poidan gozar do parque público”. “É unha obra menor que melloraría a zona de lecer e a calidade de xogo dos nenos e das nenas, ademais do aproveitamento das instalacións municipais que están infrautilizadas”, explicou.
En canto á seguranza viaria, demandan a substitución das sebes da mediana da avenida de Roma, posto que os actuais dificultan a visibilidade da xente que cruza a pé, polos pasos de peóns, dende o interior dos vehículos, “máis tendo en conta que é un tramo próximo a colexios e institutos”. “Cómpre deixar herba nesa mediana ou outra especie que conforme as sebes a menor altura e de crecemento lento”, sinalou.
Cómpre tamén a revisión da iluminación e especies arbóreas nos pasos de peóns, sobre todo onde hai plátanos que en determinadas épocas do ano a súa frondosidade impide a visión.
Sobre a falta de prazas de aparcamento, explicou que nos arredores do Xulgados se pode adoptar un modelo que funciona noutras cidades con zonas reservadas para o estacionamento express, destinado ás moitas persoas que só van facer un trámite de 10-15 minutos e garanten a rotación rápida, co fin de evitar a circulación flotante en procura dun sitio onde deixar o coche. Ademais, cómpre revisar as restricións de aparcamento fóra do horario laborábel e fines de semana para que a veciñanza poida usar estes espazos, agás as reservadas para o Xulgado de Garda.
Ademais, é necesario incrementar a limpeza na contorna do centro de saúde. Neste lugar pernoctan persoas sen fogar, onde xa interveñen os servizos sociais municipais, mais se pode efectuar unha maior limpeza na contorna.
Outra das propostas, que o BNG xa incluíu na negociación dos Orzamentos mais aínda non se efectuou, é a substitución da cuberta da piscina de Sar, pois moitas das persoas usuarias son do barrio das Fontiñas e “atópase nunha situación insostíbel”. “Demos un ultimátum no Consorcio de Santiago e advertimos que unha vez que se retire esa cuberta para a campaña de verán se substitúa por unha nova” para evitar os problemas de seguranza, de eficiencia enerxética e de hixiene que reviste a actual.