ORZAMENTOS

Rubén Cela fai repaso dos acordos da negociación dos Orzamentos 2017 antes de iniciar as conversas para os do vindeiro exercicio

0001
Aparcadoiro do campus sur

As obras do aparcadoiro do Conservatorio licitaranse en breve e conseguiu o estudo preliminar do aparcadoiro do campus sur para dar servizo ao Ensanche

Rubén Cela fai repaso dos acordos da negociación dos Orzamentos 2017 antes de iniciar as conversas para os do vindeiro exercicio

“A partir da vindeira semana comezarán as negociacións coa mesma boa disposición de sempre pero que van ter que traballar se queren o apoio do BNG”, explicou.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, expuxo en rolda de prensa o contido das conversas mantidas co grupo de Goberno de Compostela Aberta sobre a negociación de Orzamentos. “Esixímoslle que antes de sentar a falar do Orzamento 2018 fixesen unha revisión da execución de acordos da anterior negociación”, sinalou.

“Só se esa revisión era minimamente satisfactoria comezariamos a falar de 2018, posto que o nivel de execución do capítulo VI era do 22% e os incumprimentos evidentes”, indicou. Se ben é certo que hai unha serie de acordos total ou parcialmente cumpridos ou, cando menos, iniciados, a maioría están en trámite mais non executados como os parques infantís cubertos, obras pendentes na avenida de Vilagarcía, Castrón Douro e Triacastela, pistas de skate, pistas de squash, senda peonil ao Pedroso, o arranxo da Casa das Máquinas... “E tamén hai algunhas mal executadas como a seguranza viaria no relativo aos pasos de peóns, aos motoristas, aparcadoiros de bicicletas ou plan contra os asolagamentos”, engadiu.

Para Rubén Cela, o que máis preocupaba era que en outubro non se tiñan iniciado as obras do aparcadoiro do Ensanche, do aparcadoiro do Conservatorio e da rúa Altiboia, a restruturación do parque de bombeiros, o parque das Hortas e a cuberta da piscina do Sar; mais “despois dun ultimátum xa tivemos resultados concretos”. “Isto non condiciona o futuro, simplemente era un pre-requirimento para falar dos Orzamentos de 2018 que a partir da vindeira semana comezarán as negociacións coa mesma boa disposición de sempre pero que van ter que traballar se queren o apoio do BNG para a súa aprobación”, explicou o portavoz nacionalista.

Sobre o aparcadoiro do Conservatorio, explicou que xa está feito o proxecto que terá aproximadamente 90 prazas en superficie, libres e de balde. Tamén adquiriron o compromiso de que estará licitado antes do 31 de decembro deste ano, cun prazo de execución de 4-5 meses, polo que antes do verán deberá estar rematado.

En canto ao aparcadoiro do Ensanche, fíxose un proxecto para os baixos do estanque do campus, que inclúe unha alternativa de 595 prazas e outra de 480 prazas, cun investimento aproximado de 9 millóns de euros. Para responder á necesidade de residentes poranse á venda prazas por 13.000 euros e o resto das prazas serán en rotación por un prezo módico, co fin de que se poidan deixar os vehículos neste lugar e camiñar en 2-3 minutos á contorna da praza Roxa. Será cun modelo de xestión pública a través de TUSSA.

Rubén Cela fai repaso dos acordos da negociación dos Orzamentos 2017 antes de iniciar as conversas para os do vindeiro exercicio