DEPURADORA
Rubén Cela insta a concretar a proposta da depuradora na Silvouta nun convenio similar ao doutras cidades galegas
A decisión de Compostela Aberta é correcta mais extemporánea “porque perdeu dous anos valiosísimos” para chegar á conclusión que propuña o BNG
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2018.- O concelleiro Rubén Cela, sobre a reunión que manterá o alcalde co Ministerio de Medio Ambiente con respecto á construción da nova estación depuradora, manifestou que para o BNG é “imprescindíbel e urxente ter unha solución definitiva” porque “o tempo de marear a perdiz xa pasou”. “Agardamos que Noriega non volva de Madrid con máis do mesmo, dicindo que existe boa sintonía, que hai predisposición, que vén moderadamente satisfeito ou que é optimista”, explicou. Así, demandou que “concrete nun convenio xusto no que o Concello de Santiago custee os gastos da construción da nova depuradora nun termos homologábeis aos doutras cidades galegas”.
Noriega ten que vir con dúas respostas e unha proposta clara e taxativa para que non haxa equívocos, sinalou. Iso tradúcese en “se a proposta de Compostela Aberta é tecnicamente viábel e se no caso de optar por construíla no actual emprazamento da Silvouta é preciso o informe de impacto ambiental completo”. A raíz das respostas, debera dar unha proposta definitiva do que vai facer o Concello de Santiago.
Deste xeito, preguntouse se este Goberno ten “plan B”, porque é un problema que cómpre solucionar “sen máis escusas”. “Estamos chegando a un punto de non retorno por culpa da incapacidade e da frivolidade con que se tratou a construción da nova depuradora por parte do Partido Popular e de Compostela Aberta”, sinalou. Por parte do PP, por tomar unha decisión arbitraria de corte político para facela no Souto, cando tiña múltiples problemas desde unha perspectiva xurídica, ambiental, patrimonial e económica. Logo Compostela Aberta tomou “unha decisión correcta, desde o noso punto de vista, mais extemporánea” porque perdeu dous anos “valiosísimos” para mudar o emprazamento, pois en outubro de 2017 o concelleiro Xan Duro no Consello Municipal de Medio Ambiente afirmaba “con rotundidade” que a depuradora tiña que ir no Souto, “si ou si”. Porén, advertiu que se CA tivese claro desde un principio que a mellor alternativa era a que propuxo historicamente o BNG de facela na Silvouta, enriba da actual depuradora, “hoxe non habería este problema porque estariamos en tempo e forma para non perder os fondos europeos aínda que fixese falta o informe ambiental completo”, engadiu Rubén Cela.
“Seguimos a ter unha estación depuradora que non está dimensionada para a poboación actual”, cómpre rematala antes de 2023 para non perder os fondos europeos que deberan financiar o 60% dunha infraestrutura que é moi custosa e, aínda que non hai risco de multa, cada mes proseguen as verteduras ao río Sar e se incrementa a contaminación ambiental, concluíu.