Rubén Cela: É unha irresponsabilidade pechar a Oficina de Rehabilitación cando cumpre 30 anos"
Esta decisión de Compostela Aberta pon en xogo subvencións por máis de 800.000 euros de fondos externos
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, alertou do dano que vai producir para Santiago de Compostela o desmantelamento da Oficina de Rehabilitación, cando se cumpren 30 anos da súa entrada en funcionamento. O vindeiro luns 30 de maio, catro das cinco persoas que integran este departamento serán despedidas, pese a que o prazo para tramitar as axudas de rehabilitación segue aberto e non hai outro servizo municipal especializado que o asuma.
Así, están en xogo subvencións por máis de 800.000 euros de fondos externos; por importe de 52.080 euros na ARI de Pontepedriña, de 586.875 en Vista Alegre e de 178.096 no Casco Histórico. Do mesmo xeito que os 150.000 euros destinados a axudas para a rehabilitación de carpinterías do Consorcio.
No último Pleno, Rubén Cela demandoulle explicacións ao Goberno local de Compostela Aberta sobre este feito, ao tempo que esixiu unha rectificación para non poñer en perigo estas axudas nin os postos de traballo que contribúen a manter a cidade declarada Patrimonio da Humanidade.
Trátase, polo tanto, dunha irresponsabilidade pechar un servizo que funciona a pleno rendemento, até o PP recuou desta decisión en decembro de 2014, explicou. Compostela Aberta anunciou a substitución desta oficina por outra que, na práctica, suporá un cambio de nome e que non entrará en vigor até dentro de varios meses, co traballo acumulado que vai ter e a innecesaria volta a empezar dunha oficina que leva 30 anos de servizo á Cidade Histórica.