Rubén Cela propón no Pleno “unha petición conxunta da Corporación para recordarlle a Fomento os asuntos pendentes con Santiago”

Defende “unir esforzos” para colocar na axenda política a execución completa do enlace orbital, a humanización da rotonda de Conxo e a seguranza viaria no Eixo e na Sionlla, entre outros

Rubén Cela propón no Pleno “unha petición conxunta da Corporación para recordarlle a Fomento os asuntos pendentes con Santiago”

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa para trasladarlle ao Goberno español entrante a listaxe de acordos pendentes de executar e de proxectos ligados ao desenvolvemento de infraestruturas en Santiago de Compostela.

Segundo explicou Rubén Cela, “imos intentar que o cambio de Goberno no Estado español non sexa ningún tipo de escusa para seguir adiando algúns dos compromisos pendentes da Administración xeral do Estado coa capital de Galiza”. “O importante é que haxa unha petición conxunta da Corporación para incluír na axenda política os compromisos que estaban en caixóns ou que non desenvolveron”, engadiu.

Co cambio producido no Goberno español por mor da recente moción de censura, cómpre lembrar e “unir esforzos” para colocar na axenda política local e estatal diversas actuacións comprometidas mais pendentes de execución, xunto coa revisión de determinados proxectos para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico, ambiental e de infraestruturas ligadas a Santiago de Compostela.

Deste xeito, faise necesario trasladarlle ao Goberno entrante a listaxe de obras comprometidas como a execución do enlace orbital completo; a construción da estación de mercadorías da Sionlla; un plan de usos para a vella terminal de Lavacolla; o cambio de nome, rotulación e sinalización do aeroporto Rosalía de Castro; o proxecto de humanización da rotonda de Conxo; a clarificación dos trámites ambientais para construír a estación depuradora de augas residuais; as obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla; a cesión de terreos do campo de tiro de Bando e a revisión do financiamento plurianual da estación intermodal, ademais da eliminación da cláusula dos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras do convenio que condiciona a obra, entre outros.

Esta iniciativa do BNG, polo tanto, vai destinada a instar o Goberno español ao cumprimento destes acordos comprometidos con Santiago de Compostela en materia de infraestruturas, ademais da revisión daqueles necesarios para o desenvolvemento socioeconómico e ambiental que supoñen un agravio comparativo con outras cidades.

 

Rubén Cela propón no Pleno “unha petición conxunta da Corporación para recordarlle a Fomento os asuntos pendentes con Santiago”