ORA
Rubén Cela reclama “a paralización inmediata do servizo da ORA que leva un ano sen contrato”
O BNG denunciara en numerosas ocasións que non se estaba a dar cumprimento á sentenza xudicial
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2018.- O BNG de Santiago demándalle ao alcalde de Santiago “que paralice de inmediato o servizo da ORA, que nas circunstancias actuais podería ser incluso constitutivo de prevaricación”, en palabras de Rubén Cela, portavoz municipal. Reclamou tamén que se encargue un estudo urxente de eliminación do pagamento da ORA, unha análise cos sindicatos sobre a situación do cadro de persoal desta concesionaria e que se retome a “remunicipalización só do servizo de guindastre coa elaboración das memorias técnicas, económicas e laborais precisas para a súa correcta inclusión nos Orzamentos de TUSSA e do Concello”.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o BNG denunciara en numerosas ocasións que non se estaba a dar cumprimento á sentenza xudicial “e que podería ocasionar no futuro importantes consecuencias para as arcas municipais”. Lembrou tamén que, ademais de non executar a sentenza, o Goberno municipal estaba “a premiar con novos meses de xestión, incluso expirado o tempo de 5 anos máximos de contrato e así tivo todo o 2017 de prestación de servizo pese ás advertencias xudiciais”. Deste xeito, o contrato ao estar vencido, a xestión realizouse sen soporte legal nin contractual, lembrou.
Este servizo da ORA non se pode considerar esencial e, dende o punto de vista do BNG, deberíase proceder á suspensión deste servizo como fixeron nun caso análogo no Concello de Lugo. Para Rubén Cela, “este proceso non se puido facer peor e a mellor maneira de remunicipalizar a ORA é mediante a súa supresión”, explicou.
O 27 de decembro de 2017 convocouse unha Xunta de Goberno extraordinaria e urxente para darlle traslado ao Xulgado de que no Goberno local interpretan que a empresa DOAL se nega a asumir a xestión do servizo da ORA e do guindastre municipal, ademais de solicitar que se promova un incidente de imposibilidade de execución da sentenza nos termos marcados no auto, con petición de improcedencia de indemnización a DOAL, ademais da liquidación dos efectos do contrato anulado a Settex Aparki e a resolución definitiva sobre a asunción directa do servizo aprobada en Pleno de xeito inicial o 18 de maio de 2017.