DEPURADORA

Rubén Cela reclámalle “transparencia e responsabilidade” ao alcalde ante a vindeira reunión sobre a depuradora

Río Sar
Río Sar

“Hoxe o Sar está nun punto crítico de contaminación despois de tres anos perdidos co Goberno de Compostela Aberta”

Rubén Cela reclámalle “transparencia e responsabilidade” ao alcalde ante a vindeira reunión sobre a depuradora

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018.- O concelleiro Rubén Cela esixiulle ao alcalde “claridade e concreción” a respecto da reunión prevista sobre a estación depuradora do vindeiro 18 de decembro, con “transparencia, responsabilidade e posición de cidade para evitar a perda dos fondos europeos e cun reparto xusto de custos para Santiago de Compostela”.

Así, demandou unha proposta técnica viábel e asegurada, a confirmación formal da posibilidade da tramitación ambiental abreviada, cunha proposta de convenio entre as tres administracións que conteña unha achega proporcional para Santiago “que non supoña un agravio respecto a outros concellos e con compromisos orzamentarios, tanto do Ministerio como da Xunta” e de acordo a “un cronograma para a entrega do anteproxecto e do proxecto, a sinatura do convenio, o estudo de impacto ambiental e a licitación da obra”.

“Estamos ante un risco importante de perder total ou parcialmente o financiamento europeo, se iso acontecera, que agardamos que non, será responsabilidade exclusiva de Compostela Aberta”, advertiu Rubén Cela. Tres anos despois séguese a verter directamente ao río auga sen depurar porque, a pesar da ampliación da capacidade das actuais instalacións da Silvouta, acometidas durante o mandato do PP, a actual instalación segue sen poder depurar a totalidade das augas residuais e hoxe o Sar está nun punto crítico de contaminación.

Para o BNG, a situación en que se atopa a nova EDAR de Santiago, a piques de rematar o 2018, é “altamente preocupante”. A proposta de emprazamento na Silvouta é a que sempre defendeu o BNG, “mais non estamos de acordo co xeito de proceder de Compostela Aberta, porque non foi razoábel que tardasen máis de dous anos en cambiar de criterio, foron dous anos perdidos”, posto que a estas alturas non hai proxecto técnico máis alá do esbozo da USC nin hai proposta de convenio entre as administracións implicadas. “Isto quere dicir que Compostela Aberta retrotrae todo o proceso ao punto de partida mais cunha diferenza de case catro anos menos para salvar a espada de Damocles que supón a data límite dos fondos europeos en 2023, sinalou. “No tema de depuración de augas residuais foron en total máis de tres anos perdidos con este Goberno local”, afirmou Rubén Cela.

Rubén Cela reclámalle “transparencia e responsabilidade” ao alcalde ante a vindeira reunión sobre a depuradora