Rubén Cela require que se inicien as xestións para ampliar a segunda rotonda de acceso ao Polígono
O BNG trasladara unha iniciativa ao Pleno de febreiro sen que se coñezan avances deste proxecto
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, instou máis unha vez ao Goberno municipal para que faga as xestións oportunas e aproveite o que resta de verán para corrixir as retencións de tráfico nos accesos ao Polígono do Tambre, toda vez que se investiu máis de 1 millón de euros en facer un dobre carril na rotonda sobre a ponte e agora o problema trasládase á coñecida como rotonda da Donuts. O BNG xa trasladara esta iniciativa ao Pleno de febreiro, sen que se coñezan avances por parte do equipo de Martiño Noriega para iniciar as xestións.
Para o BNG, segue a ser unha preocupación os accesos ao Polígono do Tambre, tanto para os centos de traballadores e traballadoras que se desprazan a diario como para as pesoas usuarias dos servizos que se prestan no mesmo, explicou Rubén Cela. Lembrou que o BNG levou no mes de febreiro unha iniciativa ao Pleno municipal que conseguiu que saíse adiante pero, como pasa con moitas delas, o Goberno local non acaba de materializalas. En concreto, referíase a que co investimento superior a 1 millón de euros para o desdobramento da entrada do Polígono do Tambre, cunha dobre rotonda sobre a ponte, que era unha demanda histórica, e que permite un dobre carril tanto en dirección entrada e saída e suprimir o stop de entrada que provocaba un auténtico funil con grandes retencións.
De aí que o BNG reclamase daquela que o Concello realizase xestións en paralelo a esa obra para un proxecto de ampliación da segunda rotonda de acceso ao polígono, para que cando estivese aberta esta actuación non se desprazase o problema uns metros máis adiante, porque temiamos que se ía trasladar o funil que antes había na ponte a uns metros máis adiante na coñecida como rotonda da Donuts.
Así, cómpre facer unha ampliación dos carrís desta segunda rotonda posto que é unha actuación técnica sinxela que nin require expropiación de terreos, porque os vehículos pesados ocupan os dous carrís da rotonda e na práctica se converte nun único carril.
Esta actuación é necesaria para complementar as obras nas que se veñen de investir máis dun millón de euros. Por desgraza, dixo, dende que se aprobou en febreiro a iniciativa do BNG non vimos ningún avance ao respecto e hoxe xa está aberto ao tráfico este dobre carril co problema manifesto e que se pode agudizar cando remate o período estival e os cadros de persoal das empresas estean operativos ao 100% no polígono.
Deste xeito, instou máis unha vez ao Goberno municipal para que faga as xestións oportunas e aproveite o que resta de verán para dar pasos a corrixir o problema das retencións de tráfico nos accesos ao Polígono do Tambre.