Rubén Cela: A transparencia é unha cuestión de vontade política, non se resolve cunha ordenanza"
CA presenta unha proposta que, para o BNG, queda lonxe do que se agardaba porque é un calco da ordenanza tipo que propón a FEGAMP que, á súa vez, é unha adaptación da da FEMP
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, manifestou que é unha absoluta prioridade transparentar o máximo posíbel as administracións públicas e a actuación de responsábeis políticos. Así, indicou que o BNG dará a benvida ás actuacións para o bo goberno e para que os veciños e veciñas poidan confiar nas institucións, especialmente despois de vivir anos convulsos que contribuíron a incrementar a desconfianza e a desafección á política no Pazo de Raxoi.
Por este motivo, o BNG solicitou do Goberno municipal no Pleno de xaneiro de 2016 que se constituíse a Comisión de Participación, Igualdade e Transparencia despois de comprobar que pasados seis meses non se fixera e, pese que para Compostela Aberta era unha prioridade en campaña electoral, mesmo deixou de publicar os contratos menores que incluso facía o PP no Goberno local.
O Goberno presenta unha proposta que, para o BNG, queda lonxe do que se agardaba porque é un calco da ordenanza tipo que propón a FEGAMP que, á súa vez, é unha adaptación da proposta da FEMP. Así, aludiu a pequenos cambios lingüísticos e á simplificación dalgún artigo con escasas diferenzas, pois as poucas introducións que ten son calcos literais doutras ordenanzas, por exemplo o artigo 24 de reutilización de información pública é idéntico á de Xixón.
O importante non é que se copie, indicou, porque é bo adaptar o mellor doutros sitios e boas prácticas que xa resultaron eficaces; outra cousa é que un Concello como Santiago non teña capacidade sequera de analizar as súas propias especificidades cun carácter xenuíno e propio.
Máis alá diso, sinalou que o importante é o fondo pois a transparencia é unha cuestión de vontade política e iso non se resolve cunha ordenanza. Coa normativa en vigor hai moitas cuestións que se podían aplicar e non se fan, non por falta de regulación senón de vontade, subliñou.
Así, puxo como exemplo prácticas de Compostela Aberta como o abuso de contratacións a dedo e de contratos menores, a continuidade de contratos sen respaldo xurídico, a falta de entrega de documentación pública solicitada pola oposición, a vulneración dos prazos da comisión de queixas e suxestións, a contestación en tempo e forma das preguntas de oposición ou incrementar as subvencións nominativas. Non é normal que os grupos da oposición teñan que estar á caza das xuntas de goberno extraordinarias porque non se publican na web, afirmou.
Referiuse tamén ao método, porque hai cuestións gratuítas que se anuncian como contratacións por valor de 200.000 euros dos que hai 60.000 que van para un Plan Estratéxico de Transparencia e actualización de apartados da web. Isto irá, posibelmente, para unha nova consultoría para dicir como hai que aplicar esta normativa, concluíu.