O BNG insta ao Goberno local a realizar os traballos de prevención para evitar incendios no verán
É imprescindíbel actuar nos montes de titularidade municipal e darlle indicacións á veciñanza para controlar a vexetación preto das vivendas
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, insta ao Goberno local a iniciar os labores de prevención de incendios forestais correspondentes á primavera para contribuír a reducir o risco de lume na tempada estival. Así, subliña a necesidade de rozar os terreos de titularidade municipal cubertos de maleza e de darlle facilidades e indicacións á veciñanza sobre a responsabilidade de controlar a vexetación preto das vivendas.
Santiago de Compostela require unha atención especial para evitar lumes no verán, explicou Rubén Cela, hai que ter en conta que está declarado como Zona de Alto Risco no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza.
Así, indica que é imprescindíbel actuar con medidas de prevención nos montes de titularidade municipal e da Xunta de Galiza, como na aba do Pedroso e na Selva Negra, zonas moi castigadas polos incendios forestais.
Deixar de facer o traballo de prevención, na época propicia para iso, é unha temeridade tanto para o patrimonio natural e forestal como para os intereses económicos, ademais de pór en perigo a seguridade das persoas que viven no ámbito rural.
Deste xeito, o BNG demanda que se axilicen os procedementos para a realización destes traballos de prevención que lle corresponden ao Concello, co fin de contribuír a reducir o risco de lume no verán e para darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais.