O BNG desprega unha faixa na Catedral de Santiago contra a guerra imperialista de Siria
O berro de Non á guerra faise simultáneo nas cidades galegas contra o chamado Tratado da Vergoña entre a Unión Europea e Turquía
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2016.- O BNG despregou unha faixa co lema Galiza c@s refuxiad@s, non á guerra na Catedral de Santiago de Compostela nun acto simultáneo celebrado nas cidades galegas.
En declaracións aos medios, Xesús Domínguez, responsábel local da formación nacionalista, explicou que esta acción pretende pór de manifesto que hai unha guerra que continúa e un trato discriminatorio con todos os refuxiados e refuxiadas, porque as persoas teñen máis dereitos que os capitais ao libre movemento mais a Unión Europea fai oídos xordos ao clamor popular de acoller estas persoas que foxen dunha situación bélica para salvaren a vida.
Este acto insírese nunha campaña de longo alcance, hai un concelleiro de Lugo axudando no Pireo, a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, foi ao campamento de Calais que xa foi desmantelado, impartíronse diversas charlas sobre esta guerra imperialista e distribuíuse unha postal de denuncia do chamado 'Tratado da Vergoña con Turquía' dirixida ao presidente do Consello Europeo, engadiu.