O BNG quere que o Concello de Santiago se abra a contratar a electricidade a cooperativas galegas
O actual modelo eléctrico está estruturado como un oligopolio, cando hai posibilidade de contratar a subministración municipal a pequenas cooperativas
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2016.- O BNG rexistrou unha moción destinada a que o Concello contrate a subministración eléctrica municipal con garantía 100% renovábel a cooperativas galegas que deixen os beneficios no noso país.
O modelo enerxético actual causa graves problemas que se manifestan tanto a escala global como a nivel local. Ao coñecido quecemento global ou á contaminación atmosférica, únense dificultades sociais e económicas cada vez máis urxentes, como son o preocupante incremento da poboación que carece dun acceso axeitado á enerxía ou a falta de transparencia e información dos mercados enerxéticos.
O modelo enerxético debe incidir no aforro, na eficiencia e nas enerxías renovábeis, aspectos contrarios ao actual consumo desmesurado de recursos, a partir dos combustíbeis fósiles e da enerxía nuclear. Os avances tecnolóxicos en materia de enerxías renovábeis permiten afrontar este cambio de modelo enerxético a prezos incluso inferiores aos que se pagan na actualidade.
As administracións municipais non deben permanecer alleas a esta situación e á necesidade dun cambio. Trátase das administracións públicas máis próximas á cidadanía e, por iso, son as primeiras que deben xogar un papel exemplar e informativo, recolle o texto da iniciativa.
Por outro lado, todas as administracións públicas, en particular as municipais, son xestoras dun enorme patrimonio e teñen uns custos crecentes en materia de enerxía. Existe un gran potencial de xerar aforros importantes, que poden destinarse a usos máis axeitados.
Na Galiza existen cooperativas que xeran enerxía de xeito limpo e sostíbel facendo un uso ético e social da enerxía. A enerxía ten que verse como un servizo universal e non o actual modelo eléctrico que está estruturado como un oligopolio. Neste sentido, o Concello de Santiago debe abrise á posibilidade de cambiar as grandes empresas subministradoras de enerxía para contratar a electricidade a través dunha cooperativa eléctrica galega.