O BNG traslada ao Parlamento as reivindicacións da falta de prazas do CEIP Lamas de Abade
Membros da comunidade educativa do CEIP Raiola asistiron ao debate
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2016.- O BNG trasladou ao Parlamento unha batería de preguntas sobre a necesidade de ampliación de prazas no CEIP Lamas de Abade, para acoller o alumnado procedente doutros centros. Compareceu o secretario xeral técnico de Educación, Xesús Oitavén, quen se comprometeu a desdobrar unha aula para acoller este alumnado no vindeiro curso, mais o deputado do BNG Cosme Pombo esixiu as reivindicacións da ANPA para que a Xunta, a maiores, realice a planificación e execución inmediata das obras necesarias para atender a previsión de demanda existente nos seguintes cursos escolares.
Cosme Pombo demandou coñecer as previsións da Consellería de Educación para resolver os problemas de adscrición do alumnado procedente da escola infantil Raiola que se deben incorporar ao ensino obrigatorio o vindeiro curso 2016/17 no CEIP Lamas de Abade. Así, lembrou as reivindicacións da ANPA e da xunta directiva de Raiola, do Consello Escolar do CEIP Lamas de Abade e das asociacións veciñais de Angrois, Marrozos, Castiñeiriño e do Eixo.
Segundo explicou o deputado nacionalista na Comisión 4ª, de Educación e Cultura, os cambios demográficos, os recortes en educación e a falta de planificación da Xunta están a provocar problemas para adecuar a oferta de prazas educativas públicas á demanda existente nalgúns lugares do noso país, tamén na cidade de Compostela.
Este ano 19 nenos e nenas de Raiola solicitaron praza no CEIP Lamas de Abade para o vindeiro curso escolar, aos que se suman 4 máis procedentes da escola unitaria de Marrozos e da escola do Eixo. Mesmo varias destas familias contan con outros irmáns e irmás escolarizados xa neste centro, expuxo Cosme Pombo.
Porén, a dirección do CEIP Lamas de Abade informou a directiva de Raiola da dispoñibilidade de unicamente catro prazas libres para o primeiro curso de primaria do curso 2016/17, ás que poderían optar estes 23 solicitantes; o que resulta insuficiente para a demanda.
Así, Cosme Pombo preguntou sobre as previsións de ampliación de espazos para solucionar o problema de falta de prazas nesta zona de Compostela e se a Xunta vai acometer obras para aumentar aulas para o vindeiro curso. Inquiriu tamén polo orzamento e polo cronograma desta posíbel actuación, se a Xunta a ten prevista, así como a posibilidade de construír un novo centro educativo para atender a futura demanda tendo en conta o crecemento urbanístico e demográfico existente nesa área.