INSTITUCIONAL
Rueda confírmalle á alcaldesa que autorizará unha taxa turística específica para Santiago, o incremento da partida para a Capitalidade e a construción de vivenda pública
Primeira reunión institucional entre a alcaldesa e o presidente da Xunta
03 out. 2023 - 08:39
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023.- Goretti Sanmartín e Alfonso Rueda mantiveron unha xuntanza na sede da Presidencia da Xunta en que a rexedora compostelá lle trasladou ao titular do executivo autonómico "unha serie de temas de colaboración institucional para traballar en sinerxía" entre ambos os entes. Na xuntanza, o titular da Xunta comprometeuse a autorizar a aplicación da taxa turística para Santiago e a avanzar na construción de vivenda pública.
Sanmartín cualificou esta primeira reunión institucional de "cordial e produtiva en canto a intercambio de propostas, da que queremos que dean froito os compromisos da Xunta con Santiago e que se materialicen tanto en partidas orzamentarias como na aprobación de normas para poder levar adiante estes proxectos vitais para o próspero desenvolvemento socioeconómico da capital galega".Estas medidas postas enriba da mesa pola rexedora compostelá "van destinadas á mellora da calidade de vida da veciñanza, tanto en vivenda, como en mobilidade, en calidade ambiental, en infraestruturas e en servizos básicos, polo que o espírito de colaboración da Xunta con Santiago é algo crucial para avanzar conxuntamente", sinalou Sanmartín.
Imposto para as estadías turísticas
En canto a unha das medidas "máis importantes das que presentabamos", a da implantación dun imposto para as estadías turísticas, "houbo receptividade por parte do presidente da Xunta", que lle confirmou á rexedora a autorización da taxa turística a través dunha habilitación especial para que Santiago a poida implantar, en base ao estudo realizado polo catedrático da USC García Novoa e á proposta de Proxecto de lei presentado polo Concello no marco do plan de turismo sustentábel. Goretti Sanmartín agradeceu a colaboración do presidente da Xunta neste punto e anunciou que o próximo paso será "acabar de concretar como se fará dende o punto de vista técnico".
Vivenda
A vivenda foi outro dos asuntos abordados na reunión. A alcaldesa reiteroulle ao presidente a posta a disposición por parte do Concello á Xunta de solo municipal para construír vivenda pública, pois "é un dos temas que espertan maior preocupación en Santiago, para actuar sobre a carestía dos prezos da vivenda". A este respecto, Rueda confirmoulle á rexedora a disposición da Xunta a ceder a parcela situada en Xoán XXIII para equipamento público e, a cambio, a construír vivenda pública en terreo cedido polo Concello. "Os soares sobre os que desde o Concello entendemos que se pode actuar son os de Traspaxonal, San Lázaro, As Cancelas ou Volta do Castro", lembrou a alcaldesa.
En canto á vivenda baleira, cuxo número en Santiago cifrou Goretti Sanmartín en 6000, o presidente da Xunta amosouse aberto a incluír na lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos unha proposta técnica de definición do concepto de vivenda baleira que achegue o Concello, no caso de non ser suficiente a do estado.
Achegas económicas para a Capitalidade e o Consorcio
Á solicitude de Goretti Sanmartín de convocar o Consello de Capitalidade, Alfonso Rueda confirmou que se reunirá antes de final de ano para a revisión das condicións de cara ao seguinte exercicio. Segundo sinalou a rexedora, na xuntanza realizarse "un intercambio técnico fundamentado coa intención de que, a partir de 2025, se poida ir incrementando a candidade que se recibe, mesmo coa opción de que o documento final que se consensúe poida ter un certo carácter retroactivo".
En canto á achega ao Consorcio, o titular da Xunta comprometeuse a aumentar a partida para o ente interadministrativo se así o fai tamén o goberno central. Sanmartín fixo fincapé na necesidade da abordar obras de carácter urxente no Pazo de Congresos, "aproveitando que o Consorcio xa vai intervir sobre a cuberta", ou no complexo de Bonaval.
Infraestruturas e equipamentos
No capítulo de infraestruturas e equipamento, Rueda comprometeuse a estudar a ampliación do conservatorio de música e a creación da escola infantil en Santa Marta. "Tamén houbo moi boa receptividade para que sexa unha realidade canto antes o parque de Bombeiros", indicou Sanmartín. Con este obxectivo, reunirase canto antes a comisión tripartita "para poder iniciar o proceso de comezo das obras". O presidente tamén lle trasladou á alcaldesa a necesidade de solicitar ao estado que contemple o parque como "dun servizo novo e, polo tanto, non teña que seguir as directrices encorsetadas da taxa de reposición de efectivos".
Xuntanza para analizar o plan de mobilidade do CHUS
En canto ao aparcadoiro do CHUS, o titular do ente autonómico confirmou que o estudo de mobilidade xa está rematado e "acordouse ter unha xuntanza o antes posible" para que a Xunta presente o plan dende unha perspectiva técnica e estudar "cales son as fórmulas para que poida haber ese aparcadoiro no CHUS unha vez que sabemos que coa ampliación vai haber máis problemas de aparcamento", lembrou Sanmartín.
Pacto polo rural
A rexedora tamén puxo enriba da mesa a petición de contribución autonómica para axudar a paliar a discriminación do rural, sobre todo no que a servizos básicos se refire. "A resposta foi si, polo que faremos chegar unha proposta de colaboración concreta indicando os lugares que son prioritarios".
Finalmente, tratáronse temas relacionados con competencias autonómicas, como os comedores escolares e o SAF. Así mesmo, "quedamos de falar polo miúdo para conseguir a transferencia da Umad ao Sergas".
Sanmartín fíxolle entrega a Rueda dun documento no que se recollen todas as medidas solicitadas. Ademais das citadas, inclúense outras como novos xulgados; un novo edificio para Escola Oficial do Idiomas; un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago, o Centro de saúde de Conxo, o Centro de día nas Fontiñas, ou creación da Cidade da raqueta; así como o incremento da achega autonómica para a estación depuradora de augas residuais (EDAR);
A rexedora reiterou o agradecemento pola xuntanza "agardando que haxa unha serie de temas que aparezan reflectidos nos orzamentos de 2024, outros que se encamiñen para os de 2025 e que se comece a traballar nas cuestións tratadas hoxe".