ELECCIÓNS

Suso de Toro, Goretti Sanmartín, Rafa Vilar e Rosana Pérez participan nun acto no Castiñeiriño

Será o xoves 2 de xullo ás 20:15 no antigo CEIP Ramón Cabanillas

Suso de Toro, Goretti Sanmartín, Rafa Vilar e Rosana Pérez participan nun acto no Castiñeiriño

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020.- O BNG convoca un acto público no barrio do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, este xoves 2 de xullo ás 20:15 no antigo CEIP Ramón Cabanillas coas intervencións do escritor Suso de Toro, da portavoz municipal en Santiago Goretti Sanmartín e de Rosana Pérez e Rafa Vilar que son integrantes da candidatura ás eleccións do 12X.

Neste acto presentarán as propostas do programa do BNG para o Goberno da Xunta porque a actual crise sanitaria, económica e social non se pode enfrontar coas mesmas receitas de sempre, son precisas novas políticas que pulen pola intervención pública na economía e o fortalecemento dos servizos públicos, que poñan por diante os dereitos da clase traballadora e das maiorías sociais e sitúen no centro da acción política a vida, os coidados e a saúde das persoas.

Durante varios anos do mandato de Núñez Feijóo acumuláronse recortes nos orzamentos da Xunta, así como baixos graos de execución. Isto, sumado ás restricións do Goberno español e das evidentes limitacións do propio sistema de financiamento, explican os pésimos resultados económicos da súa xestión e o deterioramento dos servizos públicos.

No ámbito da saúde, moitas das medidas que se tomaron na Xunta tiveron como fin a privatización e o desmantelamento da sistema sanitario público, a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.

Ademais, o BNG aposta polo deseño dos espazos públicos e do viario urbano con criterios de seguridade e primacía das persoas usuarias máis vulnerábeis. Propón tamén a creación dun Fondo Social da Vivenda como instrumento financeiro público ao servizo do desenvolvemento de políticas de vivenda. Aplicará medidas para favorecer o comercio de proximidade pola súa potencialidade para dinamizar a economía, poñer en valor a produción propia e desenvolver un importante papel de cohesión, dinamización e vertebración social.

O BNG asume como unha prioridade as políticas que promovan a creación de postos de traballo mais tamén todas aquelas tendentes a dignificar o emprego con condicións laborais e salariais dignas, factores clave para frear a emigración. Deste xeito, as propostas de Goberno do BNG van na liña de construír unha sociedade diferente, libre, próspera, verdadeiramente democrática, sen discriminacións por razón de xénero, igualitaria e xusta.

Suso de Toro, Goretti Sanmartín, Rafa Vilar e Rosana Pérez participan nun acto no Castiñeiriño