Transcorreron 9 meses dende que o BNG propuxo en Pleno modificar a ordenanza de vía pública
Cuestiona o ritmo pausado de traballo de Compostela Aberta para cambiar a ordenanza mordaza que seguen a aplicar
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou que se conseguiu a revisión integral das taxas dos vaos na liña que defendía o BNG de ponderar o número de vehículos de cada garaxe e que non teñan que ser as comunidades de veciños e veciñas quen paguen o arranxo das beirarrúas polo seu uso. Así, indicou que transcorreron 9 meses dende que o propuxo o BNG en Pleno e grazas á presión política e social o Goberno rectificou.
O BNG leva tempo a demandar a modificación da ordenanza fiscal que regula os vaos para que o Concello asuma o arranxo das beirarrúas con vaos e a taxa en función do número de vehículos do garaxe e non dos metros de beirarrúa, lembrou Rubén Cela.
É unha medida satisfactoria que se acepte tamén o cambio para que o Concello asuma a reparación das beirarrúas que teñen vaos, porén cuestionamos que non se arquiven os 15 expedientes abertos que van cargarlle a algunhas comunidades de veciños e veciñas o importe das obras do amaño das beirarrúas con vaos de garaxes, engadiu.
Modificación da ordenanza mordaza
Na reunión tratouse tamén a introdución de cambios na ordenanza mordaza, no relativo a eliminar as fianzas e a prohibición de xogar nas rúas, entre outras. Rubén Cela considera positivo que o Goberno de Compostela Aberta recollese as propostas do BNG para a modificación desta ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, mais tivo que facer falta levar o tema a Pleno e, unha vez aprobado, volver insistir para que a mudasen e cumprisen o acordo, cando debía ser unha prioridade para un Goberno de esquerdas que segue a aplicar a ordenanza mordaza de Conde Roa.
Deste xeito, o BNG cuestiona o ritmo pausado de traballo de Compostela Aberta, xa que transcorrerá un ano cando entre vigor o cambio da norma dende que entraron a gobernar, en troques de derrogar ou deixar sen efecto as medidas máis drásticas.
Cómpre lembrar que o Concello de Santiago segue a denegar as conexións eléctricas para as megafonías nas mobilizacións e a cobrar fianzas por colocar pancartas informativas e por organizar actos de asociacións, partidos e sindicatos en espazos públicos.
Para o BNG, non é un prazo razoábel tardar meses e meses en devolver unha fianza dun evento do Día da Patria a determinados colectivos, como acontece agora co Goberno de Compostela Aberta, porque nin o PP se atrevera a estabelecer esas distincións entre devolución rápida e devolución demorada en función de quen fose a organización convocante de actos celebrados na mesma data, explicou Rubén Cela.