O BNG advirte que o contrato a dedo para o asfaltado é contrario a dereito e á ética
A mesma empresa ofertou con anterioridade unha baixa do 20% sobre o prezo de licitación e no contrato a dedo por 440.000 euros tan só do 10%
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2016.- A adxudicación a dedo dun contrato por importe de 440.000 euros para asfaltado de fochancas e manter a xestión dos centros socioculturais tamén a dedo e sen contrato son mostras do que o BNG leva denunciando estes días: por un lado a hipocrisía do Goberno local que cunha man presenta a ordenanza da transparencia e coa outra actúa de xeito opaco e vulnera a lei de contratos no relativo á transparencia, publicidade e libre concorrencia, afirmou Rubén Cela en rolda de prensa.
Este contrato é contrario a dereito, eticamente inadmisíbel e ademais é un prexuízo para a veciñanza, engadiu.
Así, afirmou que non é que exista un mal procedemento, directamente non hai procedemento nin reserva de crédito e, posibelmente, se volva a outro recoñecemento extraxudicial de crédito pola porta de atrás.
Así, explicou que Oviga gañou o contrato por dous anos cun prezo de partida unitario onde rebaixaba o 20%, mais no contrato de emerxencia adxudicado a dedo por 440.000 euros a baixada é tan só do 10%; cando a nova licitación realizada a Eulogio Viñal ten unhas condicións de baixada do 32,5%
Así é todo, afirmou que o asfaltado é prioritario, mais Compostela Aberta puido facer as cousas ben; se no exercicio anterior acudiu a un modificativo de crédito neste debera sacar unha licitación con todas as garantías, advertiu.