Vence reivindica o BNG como a forza de goberno que deu os mellores momentos a Santiago
Subliñou a importancia das eleccións municipais do 24 de maio como o primeiro chanzo para mudar o actual réxime que impón recortes de dereitos e liberdades
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2015.- O BNG - Asembleas Abertas comezou en Santiago de Compostela a rolda de presentacións das candidaturas para as eleccións municipais de 2015. En palabras do portavoz nacional Xavier Vence, o Bloque preséntase co aval dunha experiencia de goberno que ten dado a Santiago de Compostela os seus mellores momentos como cidade. Esta candidatura ten experiencia, ten solvencia, ten ideas e ten proxecto para devolverlle á cidade o que foi e, ademais, conta cun grupo de homes e mulleres que senten Santiago e que, aínda sen ter o carné do Bloque, apostan por esta candidatura para derrotar o PP, afirmou.
Deste xeito, Vence salientou a pluralidade da candidatura, fiel reflexo do que é a propia cidade de Compostela, integrada por persoas que teñen loitado por un Santiago mellor desde o colectivos sociais e veciñais, homes e mulleres do mundo da cultura, do deporte e do tecido económico local; persoas que, sen ter o carné do BNG, apostan polo proxecto de BNG-Asembleas Abertas para liderar a derrota do PP o 24 de maio e pasar a páxina negra destes catro anos de despropósitos e de parálise.
Subliñou ademais a importancia das eleccións municipais do 24 de maio como o primeiro chanzo para mudar o actual réxime, a oportunidade da cidadanía para desaloxar do poder a política de recortes de servizos públicos e sociais, de liberdades e de dereitos que impón o PP.
Unha candidatura para facer avanzar Compostela
Rubén Cela presentou o equipo de persoas que cualificou como decisivo para rematar co peor goberno da etapa democrática de Santiago de Compostela e que lle vai pór fin a catro anos negros que supuxeron un retroceso brutal nos avances da cidade.
O candidato avanzou as liñas que marcarán o modelo de cidade e a folla de ruta do nacionalismo na capital de Galiza, porque esta candidatura non é para pasar páxina, é para comezar a escribir un novo libro onde se poña fronte á corrupción, limpeza e honestidade; fronte ao escurantismo e malas prácticas, transparencia e paredes de cristal, explicou.
Propuxo tamén fronte á arrogancia e autoritarismo, diálogo e participación veciñal real; fronte á especulación urbanística amparada desde o Concello, outro modelo de vivenda pública, de urbanismo e de mobilidade; fronte aos recortes e a súa falsa austeridade, investimentos produtivos e políticas sociais que non confundan caridade con xustiza social. Referiuse ademais ás privatizacións e ao desmantelamento de servizos básicos e propuxo máis e mellor sector público e contra a incapacidade manifesta e pésima xestión do día a día, en referencia ao PP, ofreceu traballo rigoroso e serio.
Contra a censura e o apagón cultural
Rubén Cela fixo especial fincapé contra a censura e o apagón cultural e así avogou por máis e mellor creación, apoio á nosa lingua e cultura, incluída a música ao vivo como unha riqueza e un elemento propio da identidade de Compostela. Tivo tamén palabras contra o localismo estéril e inútil e ofreceu unha visión desde a capital desta nación para facer avanzar Compostela e tamén o conxunto do país, porque Galiza non se pode entender sen Santiago e a cidade non se pode reconstruír sen Galiza.
O acto contou coa participación do escritor Suso de Toro, quen criticou o PP por irresponsábel ao presentar a lista que sumiu no caos a cidade, en contraposición ao BNG que tomou sempre a cidade en serio, que foi e está a ser unha candidatura responsábel e preocupada polas reivindicacións da veciñanza. Así, afirmou que brinda o seu apoio a esta candidatura e non ás dos partidos madrileños", porque queremos que Galiza exista como país en por si e que sexa unha capital aberta para todos os galegos e galegas.
Pola súa parte, a número 2 Goretti Sanmartín, advertiu que o BNG sente noxo da podremia institucional que aturamos neste mandato, que rexeita radicalmente a dilapidación de cartos públicos, a falta de planificación dun goberno non elixido pola cidadanía que está ausente agás para o seu interese persoal e a especulación.
No acto actuou a cantante Alba María e foi conducido por Suso de Toro e pola concelleira Elvira Cienfuegos, quen deron paso ás intervencións de diversas persoas que conforman a candidatura do BNG-Asembleas Abertas.