ELECCIÓNS

A web Goretti.gal será punto de encontro das propostas do BNG

Presentación da web

Detéctase unha corrente de simpatía "de atopar no BNG ese referente que quere un concello inclusivo, participativo, aberto, feminista, humano, ecoloxista e cunha administración ben xestionada, áxil e eficaz”

A web Goretti.gal será punto de encontro das propostas do BNG

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019.- O BNG de Santiago abre a web http://goretti.gal que pretende ser un escaparate da campaña para actuar como punto de encontro das actividades programadas, cunha navegación sinxela que ofrece ás persoas usuarias en dous clicks a información que está a procurar. “O deseño web é coherente coa imaxe renovada do BNG, en canto a tipografías, cores e estética", explicou a candidata á Alcaldía de Santiago.

Ten unha dobre navegación, en horizontal e en vertical. Na navegación vertical faise unha presentación da candidatura, con representantes de asociacións veciñais, feministas, culturais, ecoloxistas, dos movementos sociais... “Trátase dun equipo sólido preparado para gobernar Santiago de Compostela”, explicou, que responde a ese lema de ‘Santiago Merece Máis’ que guiará a acción do BNG, xunto con ‘As ideas claras’.

A web recolle noticias publicadas en prensa da presentación da candidatura e avanza algunhas das propostas do programa de goberno. O apartado do programa, así como o de axenda, vídeos e noticias, vanse ir enriquecendo a medida que progrese a campaña, segundo sinalou a candidata.

Ten un apartado dun "Santiago activo e feminista", outro con medidas "Para a creación de emprego", "Con Interese social", "Melloras ambientais" e a referencia de "Santiago capital cultural". Son epígrafes que resumen as propostas do BNG, tiradas dos encontros co tecido asociativo e nos Cafés co BNG, ademais dunha sección en que cada persoa pode deixar a súa achega para o programa.

A web ten unha navegación horizontal con pestanas para cada un dos apartados. “Aí pódese despregar unha autobiografía de cada candidata e candidato que van na lista electoral, cun toque humano, ademais do currículo profesional e traxectoria política, con ese achegamento do ti a ti, que marca esta campaña tamén mediante os cafés con colectivos para coñecer as súas demandas e intercambiar propostas”, sinalou.

“Compleméntase a web cun apartado de Axenda, onde se anunciarán os actos previstos, como a instalación da carpa do BNG onde repartiremos o material informativo, encontros e roldas de prensa”, dixo. “Tamén ten un apartado Multimedia, onde subiremos vídeos, fotografías e folletos para poder coñecer e difundir a actividade do BNG”. Todo iso xunto cun apartado de Contacto para quen queira solicitar información, colaborar coa campaña ou mesmo afiliarse.

Desde o punto de vista do deseño, o modelo foi escollido pola súa limpeza gráfica e por ser adaptábel a todos os formatos sexa ordenador, tablet ou teléfono. Priorizouse o criterio de usabilidade, cun deseño intuitivo e xerarquizado, cunha estrutura clara, información concisa e circular, de xeito que as ligazóns levan ao apartado correspondente para quen queira ampliar información. “Está enlazada co Facebook, Twitter, Youtube e Instagram do BNG de Santiago, onde se dá conta de toda a actividade nestas redes sociais, mais tamén coa web http://ideasclaras.bng.gal con referencia á campaña das eleccións xerais, municipais e europeas”. O BNG dispoón tamén do canle de Telegram @bngsantiago para a difusión de noticias.

“En canto á campaña, queremos destacar a boa receptividade coa que nos estamos a atopar nos actos, cunha alta participación tanto do tecido asociativo como da militancia do BNG”, destacou, “e a corrente de simpatía que percibimos de atopar no BNG ese referente de proposta novidosa que quere un concello inclusivo, participativo, aberto, feminista, humano, ecoloxista, cunha administración ben xestionada, áxil e eficaz”, afirmou “Isto tradúcese nos encontros que mantemos nunha corrente de simpatía cara ao BNG que fai esteamos a incrementar o número de persoas afiliadas e simpatizantes tanto en Compostela como no conxunto do país”, indicou a candidata.

A web Goretti.gal será punto de encontro das propostas do BNG