TRÁFICO
O BNG insta a resolver o caos de tráfico no punto crítico onde se xuntan a avenida de Lugo, Os Concheiros e As Fontiñas
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insta a resolver de urxencia a caótica situación do tránsito de vehículos e de persoas provocada por carecer de sinais de tráfico a intercesión entre a avenida de Lugo, Os Concheiros e As Fontiñas, pois “o desleixo do Concello e da Xunta están a causar innumerábeis problemas de seguranza viaria e as administracións están a mirar para outro lado; de seguir así vai ser un punto negro de accidentes xuntamente nunha zona que se pretendía humanizar”.
“En vez das constantes louvanzas do alcalde ao presidente da Xunta é necesario que escoite os problemas da veciñanza, que está a sufrir nos últimos anos graves consecuencias da improvisación das obras na avenida de Lugo e nos Concheiros”, indicou a portavoz municipal do BNG. “Concello e Xunta deben poñerse de acordo para adoptar medidas de sinalización xa antes de que conclúan as obras, xa abonda de pasividade e de demoras na planificación da mobilidade, como dixeron o portavoz socialista e o concelleiro de Tráfico”, engadiu.
A intensidade do tráfico nesa arteria da avenida de Lugo no cruzamento cos Concheiros e co populoso barrio das Fontiñas esixe unha regulación clara con sinalización adecuada, pois a simultaneidade de coches e persoas a pé nese mesmo espazo non pode continuar sen ordenación de carrís nin sinais de tráfico para saber os lugares por onde deben circular sen temor a sufrir atropelos neste punto crítico.
Deste xeito, desde o BNG, advirten que postergar as medidas de regulación do tráfico nesta área ao remate das obras, como teñen previsto, cos atrasos acumulados que levan, pode ser o detonante de colisións, accidentes e atropelos mentres Xunta e Concello seguen de brazos cruzados e deixando no aire as súas responsabilidades e sen garantir a seguranza peonil.
Estes problemas de mobilidade agrávanse para a veciñanza co cambio de emprazamento da estación de autobuses, pois a área dos Concheiros e de San Caetano non dispón de lanzadeira para ir á nova intermodal, co que supón de gasto de tempo e de diñeiro se van a pé ou toman un taxi, nos casos en que deben desprazarse con frecuencia ás localidades da contorna de Santiago por motivos familiares ou laborais. Así, o BNG reclama que se poña unha liña de bus coas frecuencias necesarias para cubrir esta demanda e atender as necesidades desta zona que debe desprazarse até a nova estación para realizar as viaxes interurbanas.