PLENO
O Pleno aproba promover unha nova regulación dos avais bancarios que se esixen en parcelas onde non hai servizos básicos para favorecer a creación de vivendas e negocios no rural
Apróbase a moción do BNG para rexeitar a instalación dunha gasolineira en Brandia cos votos a favor de BNG, PP e CA e a abstención do PSOE
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno unha iniciativa para promover unha nova regulación dos avais bancarios que se esixen nas parcelas onde non hai servizos básicos como saneamento, abastecemento ou iluminación pública co fin de evitar desproporcionalidade e discriminación para obter licenzas, que está a causar dificultades á veciñanza que queren instalarse para vivir ou abrir un negocio no rural compostelán. Aprobouse cos votos de BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.
Outra das proposicións do BNG foi destinada a impulsar un programa continuado de dinamización do comercio local con actividades de conciliación e facilidades de transporte, de aparcamento e de aloxamento, para recuperar o prestixio do que significou a marca “Compostela, capital de compras” e atraer xente tanto das comarcas lindeiras de Compostela como da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.
Unha moción do BNG foi para que o proxecto do Orbitaliño atenda as necesidades da veciñanza de Formarís, na Sionlla, co fin de evitar que esta infraestrutura fragmente os núcleos de poboación. Así, reclamou que se realicen as xestións necesarias para que o proxecto do Orbitaliño, o enlace da estrada N-550 co Orbital de Santiago de Compostela, sexa consensuado coa veciñanza de Formarís, na Sionlla, e respecte os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel de cara a evitar que esta infraestrutura fragmente os núcleos de poboación e que se garanta a súa cohesión territorial, ademais de garantir o acceso funcional correspondente aos estabelecementos comerciais existentes. Aprobouse por unanimidade.
O BNG tamén defendeu unha moción para realizar unha actuación integral e mellorar a accesibilidade, iluminación, canalizacións de auga, parques e espazos públicos no barrio de Guadalupe – Ponderosa, en Vite. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.
O BNG trasladou tamén unha moción para rexeitar a instalación dunha gasoleira en Brandia. A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou que o Goberno local do PSOE escoite a veciñanza de Brandia, que está moi preocupada pola seguranza ambiental e se opón a este proxecto de “Carburantes de Lugo SL”, co obxectivo de que cumpra o acordo plenario de novembro de 2017, presentado polo BNG e aprobado por unanimidade, para evitar a instalación dunha gasolineira de baixo custe e sen persoal no emprazamento desta urbanización. Aprobouse cos votos de BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.
Outra moción foi para reclamarlle ao Goberno do Estado a eliminación do imposto especial da electricidade e a rebaixa do IVE do 21% ao 4% na factura da luz por ser un ben de primeira necesidade. Reclama tamén un cambio nas políticas para que beneficien os territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos, tendo en conta que os cambios introducidos de gasto de consumo por tramos horarios afectan gravemente á hostalaría, explotacións gandeiras, pequenas e medianas empresas e persoas doentes que precisan maquinaria eléctrica. Aprobouse cos votos de BNG e CA; PP e PSOE abstivéronse.
Entre os rogos, reclamou realizar melloras na mobilidade e reducir a sinistralidade na contorna da nova estación de autobuses. Así, o BNG propón facilitar os accesos á estación de autobuses, cunha parada dos urbanos localizada á beira da pasarela, con pasos de peóns ben sinalizados e coa creación dunha zona de carga e descarga de pasaxeiros/as, equipaxes e paquetería na entrada por Clara Campoamor.
A eliminación de simboloxía franquista que aínda permanece en edificios de Santiago de Compostela, anos despois da entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica e de que se aprobase en febreiro de 2017 unha moción do BNG neste sentido, foi outra das iniciativas que trasladou o Pleno ordinario de xuño. Así, solicitou que o Goberno local realice, cos departamentos e asociacións correspondentes, un inventario actualizado de simboloxía franquista e nomes do rueiro que permanecen na cidade de Santiago de Compostela para trasladar á vindeira reunión da Comisión da Memoria histórica co obxectivo de proceder á súa retirada. De feito, aínda perduran símbolos da Vitoria no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIFP Politécnico de Santiago; unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe nas vivendas sindicais da rúa Canfranc, na Pontepedriña; así como outras en vivendas particulares en Xeneral Pardiñas e nos Concheiros, a carón da igrexa de Laraño e unha placa de Víctor Muñoz, fundador da Falanxe en Compostela, entre outras.
O BNG reclamou tamén que o Goberno local do PSOE atenda as peticións da veciñanza para colaborar e efectuar os necesarios labores de prevención de incendios, ante as queixas da veciñanza da existencia de parcelas que entrañan perigo situadas nas proximidades da gasolineira de Roxos, no Cotolengo e dos accesos de camiños públicos en Vidán.
Tamén demandou que se realicen xestións para evitar o derrubo dun muro na avenida de Coimbra, que ten alerta á veciñanza, para que a entidade propietaria do muro do convento de Carmelitas Descalzas proceda a reparar de urxencia os seus desperfectos e a desenvolver o mantemento adecuado para evitar o risco de derrubo deste patrimonio que pode entrañar risco para as persoas que transitan a diario pola zona e para os vehículos aparcados ou que circulan por esta vía. Ademais, os valados de protección levan desde febreiro ocupando metros de beirarrúa e a zona de carga e descarga, o que dificulta o tránsito de peóns e vehículos.
O grupo municipal do BNG formulou unha pregunta para saber que medidas vai adoptar o Goberno local para solucionar os problemas de seguranza viaria derivados da falta de conservación do pavimentado e enlousado da avenida de Xoán XXIII, logo da caída dunha persoa que tivo que ser trasladada ao CHUS en ambulancia por un traumatismo. Reclamará tamén melloras no cruzamento da baixada de Costa Vella e nos lombos instalados para reducir a velocidade que seguen a acumular auga por falta de drenaxe.
Ademais, reclamoulle ao Goberno local que restabeleza as frecuencias necesarias para a liña 6 do transporte urbano, tendo en conta que desde o cambio de concesionaria os autobuses están a deixar veciñanza da Lavacolla en terra porque xa van cheos desde o aeroporto. Deste xeito, o BNG insta a solucionar esta situación, con urxencia, mediante a readmisión dos condutores despedidos para a reposición do servizo en boas condicións co obxectivo de garantir as prazas necesarias para a veciñanza.
O BNG reclamou a suspensión temporal do procedemento de regularización para o cobro de recibos de recollida de residuos ás vivendas do rural en que non se aplica até que entre en vigor o novo contrato. Considera inxusto que estas 6.120 vivendas teñan que afrontar este pagamento cando a prestación do servizo non reúne as condicións que viñan marcadas no contrato, pois non dispoñen de recollida diaria, nin de colectores de recollida separada para a reciclaxe, nin de limpeza de colectores.
Tamén trasladou unha pregunta sobre a falta de transparencia no proceso de adxudicación de postos de venda ambulante, postos de artesanía e venda de castañas e xeados, ademais de provocar a interrupción destas actividades que causou prexuízos económicos a máis de 40 persoas que desenvolven estes labores.