RURAL

Goretti Sanmartín: “Bugallo pretende un lavado de cara co novo Pacto polo rural”

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)
Pretende pospoñer de 2023-2030 os investimentos do rural que non realizou nos tres últimos anos
Goretti Sanmartín: “Bugallo pretende un lavado de cara co novo Pacto polo rural”

O BNG mantén o compromiso co Pacto polo rural que presenta a Ferusa

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022.- O BNG de Santiago cuestiona que o alcalde abandonou os compromisos adquiridos para o desenvolvemento rural detallados no Pacto polo rural impulsado pola Ferusa en 2019 e que nin sequera executou os 841.309 euros consignados para obras de saneamento nos Orzamentos de 2022. “Agora pretende un lavado de cara coa aprobación dun novo Pacto polo rural, idéntico ao documento anterior, coa diferenza de que pospón as obras de 2023 a 2030”, explicou Goretti Sanmartín.

O Pacto polo rural de 2019 era un acordo con medidas para executar no período de 2020 a 2027 para conseguir unha mellora significativa no reequilibrio territorial, que o PSOE non cumpriu a pesar do compromiso de todos os grupos na pasada campaña electoral e aos acordos plenarios de setembro de 2019 e de decembro de 2022, a raíz dunha iniciativa do BNG aprobada por unanimidade. Ao abeiro desta última proposición, conseguiuse incluír unha partida de 841.309 euros nos Orzamentos de 2022 para o saneamento do rural que non se realizou.

Para o BNG xa abonda “de escusas, de enganos e de ineficiencia na xestión” porque é fundamental executar os investimentos necesarios desde o Concello, coa colaboración doutras administracións, para conseguir un reequilibrio territorial e paliar o déficit histórico de investimentos naqueles barrios e parroquias que carecen de servizos básicos como saneamento e abastecemento, recollida selectiva de residuos, liñas e frecuencias adecuadas de transporte urbano, sinalización e marquesiñas de autobús, accesibilidade, actividades socioculturais e medidas de conservación do patrimonio, entre outras. Trátase de conseguir un rural vivo e produtivo, que xere traballo e riqueza e onde os habitantes teñan os mesmos dereitos e servizos.

“No documento entregado por Bugallo en xunta de portavoces o pasado 28 de novembro, figuran os mesmos 90 núcleos rurais que non dispoñen de abastecemento de auga nin saneamento, 112 sen abastecemento, 125 sen saneamento”, advirte Goretti Sanmartín.

“Isto significa que estes tres anos de Goberno socialista no Concello de Santiago foron unha perda de tempo para avanzar nas necesidades do rural, pois das 35 accións contidas no novo plan que a proposta da Ferusa vai aprobarse este mes, practicamente idénticas ás de 2019, só cambia o período, que agora pretende pospoñer de 2023 a 2030”, sinalou. O BNG mantén o compromiso co Pacto polo rural que presenta a Ferusa, destacou.

Goretti Sanmartín: “Bugallo pretende un lavado de cara co novo Pacto polo rural”