PLENO

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de reactivar as axudas para ONGD e o Consello de Cooperación

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O Goberno local deixou sen executar máis de 500.000 euros orzados para as organizacións non gobernamentais desde que Bugallo entrou na Alcaldía

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de reactivar as axudas para ONGD e o Consello de Cooperación

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentará no Pleno unha moción para facer efectiva a liña de axudas prevista para a Coordinadora de ONGD para 2022 e para reactivar o Consello Municipal de Cooperación.

Representantes da Coordinadora Galega de ONGD advertiron do incumprimento do Goberno local dos compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza, xa que deixaron sen executar máis de 500.000 euros orzados desde que Xosé Sánchez Bugallo entrou na Alcaldía de Santiago, nuns anos especialmente complicados para os colectivos máis vulnerábeis.

O BNG esixiu na negociación para os Orzamentos de 2022 que se puxese en marcha a convocatoria para a cooperación ao desenvolvemento e que se incorporasen tamén os atrasos de anos anteriores e, daquela, o Goberno do PSOE  comprometeuse a facer realidade esta petición. A pesar diso, levan meses sen atender as peticións de reunión deste colectivo e isto é un exemplo da falta de diálogo do que acontece noutras áreas.

Esta coordinadora organizaba o programa Compostela + Solidaria de sensibilización e divulgación en distintos espazos da cidade, que situou Santiago como unha referencia á hora de reflexionar ao redor de temáticas como as migracións, a convivencia entre culturas, a emerxencia climática e o consumo responsábel, que nesta ocasión decidiu interromper ante a falta de apoio institucional.

Así, é necesario que se execute a partida económica destinada a esta finalidade, ademais de instar a realizar a convocatoria do Consello municipal de Cooperación. Este espazo de participación cidadá contaba cos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, representantes das asociacións veciñais, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta, do Consello Económico e Social, do Foro Cívico, do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e do Foro Galego de Inmigración.

 

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de reactivar as axudas para ONGD e o Consello de Cooperación