ENSINO

O BNG acusa o alcalde de incumprir o seu compromiso de subrogar o persoal da Escola Municipal de Música

concentracion.persoal.escola.musica
Rubén Cela co persoal da Escola Municipal de Música

Esíxelle a CA que sente de inmediato con traballadores/as e empresa adxudicataria e busque unha solución ao problema que veñen de crear

O BNG acusa o alcalde de incumprir o seu compromiso de subrogar o persoal da Escola Municipal de Música

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2018.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, expresoulle o total apoio ás 24 persoas que ven ameazado o seu posto de traballo na Escola Municipal de Música, toda vez que a única empresa que se presentou á licitación non inclúe a subrogación do persoal a pesar de teren o compromiso expreso do alcalde e do concelleiro de Educación. A única oferta presentada non inclúe o mantemento dos postos de traballo existentes, por iso o persoal acordou facer unha mobilización no Pazo de Raxoi para lembrarlle ao alcalde a súa falta de compromiso.

“O BNG xa advertira de que isto podía acontecer, porque era o desenlace duns pregos de contratación mal feitos, que non se adecúan ás necesidades educativas nin do profesorado nin do alumnado, por responsabilidade única do grupo de Goberno”, explicou Rubén Cela. “Este sería un servizo que podería ser municipalizado e nin sequera se chegou a estudar esta posibilidade, debido a que se privatizou a redacción dos pregos do concurso”, explicou Rubén Cela.

Na única oferta que se presentou non se incluíu a subrogación do persoal e isto vai prexudicar os 21 profesores e profesoras –algúns con máis de 15 anos nesta escola-, 3 administrativos e máis de 400 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música porque irremediabelmente vai mudar un modelo de ensino que funcionaba ben.

“Á parte de non subrogar o persoal, esta empresa non ofrece bolsas de matrícula gratuíta para nenos e nenas de familias en risco de exclusión social e tampouco destina fondos para auditorías de natureza pedagóxica en relación coa prestación do servizo”, advertiu. “Tan só ofertou unha rebaixa duns escasos céntimos no prezo por hora da prestación do servizo, co que de prestarse nestes termos supón un prexuízo moi alto para o persoal en detrimento dun beneficio moi alto para a empresa privada”, engadiu. O proxecto educativo obtivo baixa valoración que rozou a exclusión por non chegar a uns mínimos, sobre unha puntuación de 35, tiña que sacar máis 18, e obtivo un 20,5 puntos.

Cómpre lembrar que a Escola Municipal de Música prestou durante todo este curso o servizo de xeito irregular, sen contrato, como acontece cunha ducia de servizos públicos que o Goberno de Compostela Aberta mantén sen licitar e que van a abrir novos problemas proximamente como o da limpeza dos colexios, limpeza do Concello (remata o contrato o 30 de maio e non está iniciado o proceso de contratación) e pistas de pádel.

O BNG acusa o alcalde de incumprir o seu compromiso de subrogar o persoal da Escola Municipal de Música