MEDIO AMBIETE
Acto público “Lumes Nunca Máis, por outro modelo forestal” este xoves no Vide-Vide
No evento intervirán Virxinia Rodríguez, presidenta de Adega, e Sebastián Hernández, bombeiro forestal e secretario de Apropiga
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017.- Un acto público “Lumes Nunca Máis, por outro modelo forestal” servirá para coñecer e debater alternativas para a prevención de incendios, uso dos montes, organización do dispositivo de extinción e rexeneración de terreos queimados. Será o xoves 2 de novembro ás 20:30 no Vide-Vide (rúa Fonte de Santo Antonio, 10) en Santiago de Compostela.
No evento intervirán Virxinia Rodríguez, presidenta de Adega, e Sebastián Hernández, bombeiro forestal e secretario de Apropiga. Contarán a súa experiencia sobre as vagas de incendios que asolan o noso país e exporán as súas propostas para a prevención e valorización do monte. Isto dará pé a participar nun debate entre as persoas asistentes.
Na última vaga de incendios que arrasou milleiros de hectáreas, ademais da morte de catro persoas, producíronse cuantiosas perdas forestais e ambientais, as comunicacións por estrada estiveron interrompidas en diversos puntos, houbo falta de subministro eléctrico e danos en vivendas, explotacións agrarias e negocios.