ENSINO
Rubén Cela reclama incrementar a partida das bolsas de comedor que deixaron 90 escolares sen recursos en lista de agarda
Cómpre buscar unha solución para as máis de 250 familias que lles denegaron bolsas de comedor, de actividades extraescolares e material escolar
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- O portavoz municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, demandoulle ao alcalde Martiño Noriega unha solución de urxencia para dotar da bolsa de comedor escolar 90 nenos e nenos que, pese cumprir os requirimentos das bases, quedaron en lista de agarda cando presentan escaseza de recursos económicos, “cando iso debe ser prioridade”.
“Non se pode consentir que o Goberno local de Compostela deixe o 70% dos investimentos do Orzamento sen gastar e non haxa diñeiro para que escolares poidan ir ao comedor, actividades de conciliación ou para a adquisición de material escolar”, advertiu Rubén Cela, cando nas bases estaba prevista a ampliación de orzamento e non se fixo.
Cada neno ou nena en lista de agarda de comedor pode optar a unha contía asignada, segundo os baremos, que rolda entre 600 e 900 euros anuais, entre 80 e 270 euros para material escolar e 60 euros para actividades. “Isto pode solucionarse cun modificativo de crédito, co fin de axustar as necesidades que presentan estes programas para atender a demanda existente”, sinalou o portavoz nacionalista.
Para o BNG, ten que ser unha prioridade dotar dos fondos económicos suficientes estas bolsas para familias con escaseza de recursos, cando hai uns índices tan altos de pobreza infantil, co obxectivo de reducir esa fenda discriminatoria e aplicar verdadeiras políticas sociais e de conciliación laboral.