DEPUTACIÓN
O pleno da Deputación da Coruña aproba un investimento de 779.165€ para Santiago de Compostela
Destina case trescentos mil euros aos centros socioculturais de Santiago de Compostela
A Coruña, 27 outubro de 2017.- O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres un investimento de 779.165 € con destino ao Concello de Santiago de Compostela dos que case trescentos mil se destinarán ao mantemento dos centros socioculturais, 361.165,50 euros para a mellora do vial de Vedra á Ponte de Santa Lucía e 130.000 para a organización do Fairway- Fórum do Camiño de Santiago 2017.
Case trescentos mil euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina ao sostemento dos centros socioculturais de Santiago de Compostela. En concreto, financiará o centro do Ensanche con 144.000 e os centros da Rocha, Villestro, Lavacolla e Santa Cristina de Fecha con 140.000 €.
A Deputación da Coruña aprobou no pleno deste venres unha achega de 284.000 € para o programa de actividades dos centros socioculturais de Santiago de Compostela.
Para o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche a Deputación destina 144.000 € dos 180.000 de orzamento global do programa mentres para os centros do rural achéganse 135.000 do total de 175.000 € do total. O centro atende anualmente en torno a 40.000 persoas usuarias na que tamén se desenvolven cursos formativos e outras actividades da propia Deputación.
Para os centros do ámbito rural o orzamento achegado pola Deputación da Coruña destinarase a actividades dos locais de AAVV “Nosa Señora de Belén”, de Santa Cristina de Fecha, AAVV “A Unión de Santa María de Villestro”, AAVV da Rocha “Serafín Zas” e AAVV “Ruta Xacobea” de Lavacolla, centros que foron construídos e reformados pola propia Deputación da Coruña que mantén a súa propiedade.
Mellora no vial de Vedra á Ponte de Santa Lucía
O pleno aprobou tamén para Santiago o proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 8203 de Vedra á Ponte de Santa Lucía, entre os puntos quilométricos 8 e 10, que suporá un investimento de 361.165,50 euros e incluirá a construción de beirarrúas e senda peonil nun tramo de 1 km, a mellora dos accesos ás vivendas e a dotación de sumidoiros que se conectarán á rede de pluviais, e a dotación de nova sinalización vertical e horizontal. As obras inclúen o acondicionamento da entrada e saída do vial que conecta co tramo de estrada antiga e a ampliación e pavimentación do camiño de acceso á DP 8203.
Apoio ao Fairway
O pleno aprobou tamén unha achega de 130.000 euros para financiar, en colaboración co Concello de Santiago, a II edición de Fairway- Fórum do Camiño de Santiago 2017, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de novembro en Compostela e que terá como eixe central a promoción dos distintos produtos e servizos que ofrecen os distintos Camiños de Santiago, un importante polo de atracción turística e dinamización económica de distintos concellos polos que atravesan as rutas.